Coudet é a historia na que quedamos a vivir

GRADA DE RÍO

Alejandro García

16 may 2021 . Actualizado a las 23:10 h.

Coudet é o técnico da Liga. Non só por disparar a un pechacancelas á porta de Europa. Pola forma de facelo. As baixas foron condicionando todas as liñas e o Chacho parece MacGyver. Faltoulle só enfundar a casaca e apertar do outro lado da liña de banda. Cando cuestionaron a Coudet pola convocatoria respondeu cun lacónico: «é cousa do clube», que vén ser algo parecido a eu non teño nada que ver. Logo pareceu contrariado pola pregunta sobre a fase de ascenso do filial. Non estamos aquí para iso, veu dicir, coma se o estiveran requirindo a tomar posicións no conflito entre Góngora e Quevedo. Unha repartición de sorte tampouco custaba tan cara.

Non é que Coudet ignore aos canteiráns, boa proba diso é que contou con eles sempre que lle fixeron falta sen tremerlle o pulso. E o detalle con Hugo Sotelo. O Chacho concibe aos seus como unha milicia, que afrontou cada batalla limitada de efectivos, e todo o que salga de aí sobra ou despista. Os resultados son inapelables. O Celta do Camp Nou non é un epílogo, é o prólogo. É a historia na que quedamos a vivir. Coudet logrou conxugar a afouteza e o corazón. Sacar o mellor de cada un. Elevar a autoestima dunha afección que levaba tempo no purgatorio.

O meu fillo pequeno, que ten seis anos, ponse a camiseta do Celta os días de partido. O outro día sacouna da lavadora feita unha pelota e suada do adestramento do día anterior. A ver, papá, os xogadores tamén se manchan e non pasa nada. Non pasa nada é unha frase que lles gusta moito aos nenos. Poden lear a mundial pero na súa cabeza está que a vida segue e non hai nada que a poida deter.

Eu pregúntolle por que é do Celta —ao final as filias paternas teñen data de caducidade— e el mírame sorprendido: «De que equipo vou ser?». Entón lémbrame que o estadio está á beira da casa do avó Mario e que coñece a Iago Aspas, a Denis e a Santi, aínda que non falou con eles na vida. E se os tivese enfronte non lles diría nin Pamplona. Eu destapo a discordia e cóntolle que o Barcelona, o Madrid e o Deportivo, aos que seguen algúns dos seus amigos, conseguiron títulos e o Celta ningún. Obsérvame coma se o neno orfo de identidade fose eu: «E iso que máis dá, eu aínda non gañei ningunha copa e quéresme igual».