«Sempre é bonito volver aínda que considerase inxusta a destitución»

x.r.c. VIGO

GRADA DE RÍO

XOAN CARLOS GIL

Jacobo Montes fala da súa volta, de producirse, o domingo a Barreiro como adestrador do Guijuelo

15 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Jacobo Montes (Redondela, 1977) ten ganas de volver a Barreiro aínda que a tempada pasada fose cesado no Celta B. Por riba de todo, porque o Guijuelo, necesita xogar canto antes e sumar puntos para tentar loitar pola Segunda B Pro, pero tamén para lembrar os seus tempos no banco local antes dunha saída que considera inxusta.

-Que tal a experiencia fóra de Galicia?

-Moi ben. A nivel deportivo as cousas non van todo o ben que nos gustaría pero si é certo que hai moito matiz. Tivemos lesións de tres xogadores importantes, pero o equipo nos últimos catro partidos do 2020 creo que estaba amosando unha versión moi mellorada. Co Racing e co Deportivo fixemos méritos para gañar e empatamos, co Unionistas perdemos ó final e incluso o partido de Copa do Mallorca perdemos por un erro puntual. Afrontabamos este 2021 con moitas ganas, pero entre temporais e pandemia non nos están deixando. Estamos contentos e sentimos a confianza da Xunta directiva e iso quere dicir que algo estaremos facendo ben.

-É un ano complicadísimo por todo o que está a pasar?

-Pode resultar vantaxista que o diga aproveitando que o Guijuelo está nesta situación, pero o 20 de agosto, cando íamos empezar adestrar, xa non me tiña sentido o que fixo a Federación, non por iniciar a competición, senón por ser tan curta como é a primeira fase, de tres meses, que é a que marca. É inxusto que en tres meses te xogues todo e non teñas marxe de manobra. Tocounos a cara fea do fútbol e agora intentaremos competir do mellor xeito dentro das nosas limitacións e capacidades.

-O obxectivo é meterse no grupo intermedio?

-O obxectivo inicial era estar entre os seis primeiros e o máis real é pelexar pola Segunda B Pro. Estamos nun subgrupo moi complicado onde hai moita igualdade e equipos como Deportivo, Ferrol, Pontevedra ou Salamanca que teñen uns presupostos que cuadriplican o noso, pero iso non é escusa tampouco. Nós non imos renunciar e temos que sumar o maior número de puntos posibles.

-Como ve ó Celta B?

-Moi mellorado. É certo que lles custou un pouco arrancar, pero no momento que construíron un bloque con eses 11 ou 12 xogadores que levan tres ou catro partidos, parece que atoparon a estabilidade. É un equipo moi perigoso e que fai moi ben o seu traballo, aínda que creo que as dimensións de Barreiro non lle veñen ven ó seu xeito de xogar e son máis perigosos fóra.

- Apetécelle volver a Barreiro logo do cese do ano pasado?

-Aínda que considerase inxusta a miña destitución, polo que se produciu despois coa chegada de xogadores dos que nós non puidemos disfrutar, dende logo que me apetece volver. Foron seis meses moi intensos fixemos moi boas amizades con moitas xente. Sempre é un privilexio poder volver á túa terra. Ademais, sempre é bonito volver ó sitio onde che deron a oportunidade, que é algo que tamén se debe valorar.