«É moi difícil compaxinar a esixencia da liga española coas expectativas»

x. r. c. VIGO / LA VOZ

GRADA DE RÍO

Miguel Ángel Molina

O vigués eloxia o alto nivel técnico do Celta e o respecto gañado polo seu equipo

28 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Diego Martínez Penas (Vigo, 1980) é o adestrador que levou ó Granada de Segunda a Europa, converteuno nun equipo respectado por todos e está demostrando que os equipos pequenos tamén poden resistir en tres competicións sen ver de preto a fantasma do descenso. Este vigués enfrontarase o domingo por terceira vez ó equipo da súa cidade e nos tres partidos o Celta sempre presentou un adestrador diferente. Martínez Penas louva o nivel técnico do Celta e di que nestes momentos a clasificación non conta para nada. Tamén que ás veces a esixencia e as expectativas non van da man.

-Que tal o inicio de tempada?

-Moi ben. Estamos mellorando o mellor inicio histórico do equipo que xa fora connosco a tempada pasada e que creo que ten un mérito tremendo para un equipo tan modesto coma o noso. Penso que de momento o ano é magnífico coa excepción do partido de San Sebastián, que foi un pau para o equipo con confinamento preventivo.

-Vostedes están poñendo en dúbida iso de que os equipos pequenos sofren cando van a Europa?

-Ó principio do ano, todo o mundo falaba do que lle aconteceu ó Espanyol co descenso, que dende logo é unha posibilidade, pero o equipo respondeu cunha competitividade moi boa. O noso obxectivo é a permanencia, pero o equipo respondeu ben a esas fantasmas do inicio de liga co Espanyol. Isto é moi longo e o desgaste é altísimo. Tivemos unha pretempada atípica e un desgaste moi alto e todo o que sexa sumar puntos para nós de cara a permanencia é o máximo obxectivo.

-É un ano máis difícil?

-Temos moito desgaste físico e mental e por enriba as circunstancias do covid e as lesións propias de estar en tres competicións, pero tamén é máis ilusión, unha motivación tremenda. É algo histórico para o club.

-Vaise a enfrontar a un Celta cabeiro, como ve o cadro vigués?

-A clasificación agora mesmo non ten ningunha importancia, fíome máis doutras cousas e creo que fixo un bo partido en Sevilla, que puxo en moitos problemas a un gran equipo, e logo están os momentos dos partidos, que os fan variar. Penso que o Celta é un equipo cun nivel técnico altísimo, cunha capacidade de poder meterte en problemas porque ten moitos recursos ofensivos e tamén percibín cambios con respecto á idea do novo adestrador. Para min é un equipo forte que te pode meter en dificultades e se lle engadimos todo isto, fainos estar aínda máis a alerta para un partido moi complexo.

-É o seu terceiro partido contra o Celta contra o terceiro adestrador.

-É verdade, non pensara nesa circunstancia. É unha mágoa para os adestradores, porque todos os técnicos desexamos estabilidade.

-Cando un equipo está tres anos en problemas non é casualidade, é que algo pasa?

-É moi difícil compaxinar a esixencia e a competitividade da liga española actual coas expectativas xeradas arredor dun equipo. A xeración de expectativas é o máis difícil, porque aquí hai tres chanzos: primeiro, Real Madrid e Barcelona; despois, Atlético, Sevilla, Villarreal, agora a Real Sociedade, Xetafe, Athletic con algún equipo que entra e sae dese segundo chanzo, e logo hai o terceiro no que estamos 12 equipos e entre eles todo pode pasar, dende loitar por descender a facelo pola Europa League.

-Hai un ano, un celtista diría: ‘Vén o Granada e hai que gañar'. Agora todo o mundo sabe o incómodo e difícil que é o seu equipo.

-Todo celtista sabe que todos os partidos son difíciles e creo que iso vén dado porque hai máis coñecemento do equipo. O Granada foise gañando pouco a pouco o respecto, pero o que se pense antes do partido non é relevante, o importante é o que sexas capaz de facer no verde durante os 90 minutos e nós temos moi claro que o partido do Celta era dificilísimo e este ano temos máis claro que será máis difícil aínda.

-A nivel persoal, que está supoñendo a experiencia para vostede?

-Unha aprendizaxe tremenda como equipo, como equipo técnico é unha satisfacción moi grande porque teño un magnífico vestiario que da adversidade intentar detectar unha oportunidade para medrar e estámolo vivindo todo con moita ilusión.

-Polo ben que o están facendo teñen máis presión?

-Non sei o que pensa a xente, eu o único que penso é que o equipo vai dar o seu máximo en cada partido, que somos un equipo modesto que oxalá consiga permanecer en Primeira outro ano consecutivo, porque non podemos esquecer que hai dous anos estabamos en Segunda tirando de xogadores cedidos porque non tiñamos cartos para pagalos.

«Estamos nun fútbol distinto, adaptándonos»

Ter uns xogadores convencidos do fútbol que están a facer e poñer en valor as virtudes da súa plantilla, así de sinxelo parece o segredo para que o Granada subise varios chanzos no mundo do fútbol da man de Diego Martínez.

-Que fai para explotar tan ben os recursos do seu equipo?

-O máis importante son os xogadores que temos. Temos a sorte de ter uns xogadores que cren no que fan, na metodoloxía de traballo, están convencidos do idioma futbolístico que queremos falar, un idioma camaleónico, adaptativo e, sobre todo, un idioma que poña en valor as características dos xogadores. O máis importante é potenciar as virtudes dos teus xogadores.

-É certo que esta liga é unha das máis igualadas da historia?

-Iso verémolo ó final de tempada, agora van moi poucos partidos, pero os mesmos de sempre van estar arriba, iso está claro. Depende do que se entenda por igualdade, se é a 90 minutos por tentar acurtar as diferenzas, si; que non haber público hai factores que poden repercutir, de acordo; pero hai outras desigualdades que non se van equiparar.

-Os equipos perciben que a localía perde sentido nos partidos sen público?

-Máis que o tema local-visitante, creo que estamos nun fútbol distinto. Hai vínculos emocionais diferentes, o foco de atención é distinto... Penso que agora todos os equipos estamos adaptándonos a xogar sen público e xa non é coma ó principio, que era moito máis estraño pero é diferente. Todos estamos desexando de que volva o público, primeiro por unha cuestión de saúde.

-Pasou factura a nivel físico o confinamento polo covid dalgúns xogadores?

-Aínda que fixemos un traballo personalizado nas casas, estamos na elite en canto a rendemento, e calquera desaxuste ou troco inflúe no rendemento dun deporte que necesita que sempre esteas o teu mellor nivel.