Á marxe das previas, levan organizadas algunhas viaxes e moitas comidas e ceas. Teñen a espiña da viaxe a Valladolid que prevían antes do parón, e tamén da súa inauguración, que non chegou a celebrarse de xeito oficial. «Agora estamos reservándonos para o quinto aniversario, dentro de dous anos», una efeméride para a que contan con organizar unha celebración á altura das circunstancias. «En vez de facer algo sinxelo, preferimos gardalo», comenta. Tamén telen acudido a actos doutras peñas e teñen relación con moitas, aínda que máis estreita con aquelas coas que coinciden na Grada Siareiros da que forman parte.
A maioría dos peñistas sitúanse entre os 20 e os 27 anos, con bastante equilibrio entre homes e mulleres. Tamén incorporaron a afeccionados doutras franxas de idade «por familia ou afinidade». En canto á procedencia, a maioría son vigueses, pero tamén contan con membros que viven no estranxeiro e un amplo sector do Porriño. «Están relacionados co balonmán coma min -Veiga acaba de fichar polo Reconquista- e crearon co noso permiso unha peña do Balonmán Porriño, Boinas Vermellas. Gustoulles a idea, son xente de confianza e por nós sen problema», conta.