London Celtas, o punto de encontro do celtismo en Londres

A peña inglesa naceu hai cinco anos, formada por afeccionados galegos que se consideran unha pequena familia


VIgo

London Celtas púxose en marcha hai cinco anos «por necesidade», di a súa integrante e voceira María Sabarís. Necesidade de vivir os encontros do Celta rodeados doutros afeccionados e formar unha pequena familia que hoxe está composta por uns 40 membros, aínda que con flutuacións. «Toda a xente do Celta que chegou a Londres, nalgún momento buscabas en Facebook se había algún grupo para ver os partidos», relata. E atopaban unha, Celtistas en Londres. «Non funcionaba, non sabemos quen a creou, pero a raíz de aí puxémonos en contacto», detalla.

Conta María que Iria foi «a ideóloga» da peña. «Puxo a primeira mensaxe buscando xente para formar unha peña e un grupo de persoas contestamos. Ese foi o xeme. Xuntámonos hai cinco anos na data que consideramos o noso aniversario», sinala O primeiro día xuntáronse seis persoas e a partir de aí buscaron local e foron sumando xente. «Quixemos constituírnos como peña oficial desde o principio, aínda que é un debate que temos cada tempada. Cando empezamos a ver os primeiros partidos no bar xa eramos peña».

A busca lo local non foi tarefa sinxela porque ver partidos da Liga máis alá de Barcelona e Madrid tampouco o é. Pero deron cun «pub irlandés característico e chulo para vivir a experiencia de ver un partido con moito ambiente», sinala Sabarís. Compártena con peñas doutros equipos como Atlético ou Real Sociedade e de cando en vez teñen convidados. «Hai celtistas que cando veñen a Londres escriben e veñen a ver os partidos. Ao poñelo tamén nas nosas redes, sempre aparece xente que non é peñista, sobre todo nos partidos importantes», apunta.

Os compoñentes de London Celtas teñen un perfil común en canto a idade, coa meirande parte entre os 30 e 40 anos, pero nese punto hai excepcións. No aspecto básico si que non as hai: «O Celta é o que nos une. E tamén ser xente do mesmo sitio, con culturas comúns. O fútbol é un enlace social para xuntarnos», afonda. A maioría mudáronse a Londres por motivos laborais, aínda que teñen casos coma Xosé, o máis veterano e que leva moitos anos alí. «Gústanos vernos, é coma unha pequena familia. Os clubes pequenos crean iso, mentres que con outros igual é todo menos persoal, son demasiada xente e pérdese a esencia», reflexiona.

O seu principal motivo de reunión é ver por televisión os partidos do Celta, ademais de que foron a varios partidos de pretempada xogados en Inglaterra e tamén estiveron en Manchester hai tres anos, ademais de estar representados noutros compromisos de Europa League esa tempada, na que tamén aumentaron considerablemente os peñistas. «Cando as cousas van ben e mal, énchese. Cando vén menos xente é cando o equipo está na zona media, que nin frío nin calor. Pero adoitamos xuntarnos bastante xente para os partidos».

Fan tamén ceas de Nadal e fin de tempada -«este ano vánsenos xuntar as dúas», bromea- e merchandising para subvencionarse. «Non é fácil, porque a cota non é alta e aquí non tes tantos alicientes coma as peñas galegas, por exemplo para organizar viaxes», indica. Por iso subliña que «a peña funciona pola xente que está pendente dela e hai que dar as grazas aos que estiveron desde o principio e seguen estando, aos que axudan social e economicamente a organizar cousas, porque sen eles sería imposible». Cada persoa que pasou pola peña, afirma, «botou unha man e é de agradecer a implicación e a axuda».

O balance deses cinco anos de London Celtas é moi positivo. «Hai xente que vén e vai, pero temos un grupo de 20 ou 25 persoas que desde o principio estamos para todo. Fas vencellos de amizade a somos coma unha familia», celebra. Teñen casos curiosos, coma un rapaz ao que non coñecen pero que sempre é o primeiro en renovar, ou un inglés con moza viguesa á que aparentemente non lle gusta o fútbol e é el quen se fixo celtista e participa da actividade de London Celtas. Ademais, moitos dos compoñentes levan en ocasións aos partidos a amigos ou compañeiros de traballo.

Respecto ao nome da peña, Sabarís non se lembra de todo de como foi a elección, se ben ten claro que foi unha cousa rápida. «Tiña que ser algo do Celta e de Londres e barallamos os típicos nomes, pero tampouco rompemos moito a cabeza», comenta entre risas. Cinco anos despois, e tras un confinamento que pasaron en permanente contacto, están máis vivos que nunca.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

London Celtas, o punto de encontro do celtismo en Londres