Tallada Celeste, forofos do Celta en Xinzo

M. V. F. VIGO

GRADA DE RÍO

A peña ourensá vén de celebrar os seus primeiros cinco anos de vida

22 may 2020 . Actualizado a las 12:05 h.

Xinzo de Limia é un deses municipios nos que xa existiran outras peñas celtistas hai anos e que nos últimos tempos puxeron en marcha novas agrupacións. Concretamente hai cinco anos do nacemento de Tallada Celeste, posta en marcha por cinco afeccionados e que actualmente anda polos 70. Un deles, voceiro e dono da súa sede é Chicho Martínez, fillo do peñista máis vello, Lulo, de 80 anos, e pai da máis nova, Xulia, de cinco meses.

Foi no seu bar onde xiurdiu a idea de crear unha peña. «Xúntanse rapaces que veñen ver os partidos e comezamos a falar de que nos podíamos animar para ir xuntos ver os partidos e tamén aproveitar algún desconto. Animámonos e así empezou todo», lembra. O establecemento vai camiño dos 50 anos de vida e nunca tiveran unha peña, pero si era lugar tradicional de reunión do celtismo.

Unha vez que decidiron dar o paso, o nome non foi un problema. «En canto alguén o dixo, gustounos e xa quedou», indica Martínez. Desde aquela, apartede ir a Balaídos, téñense xuntado para facer máis dunha cea e tiñan a materia pendente de organizar algún desprazamento, algo que mesmo tiñan xa en mente pero que freou a pandemia. «Os máis novos teñen ido a algunha viaxe con outras peñas. Temos varios que estudan e viven en Vigo e relaciónanse con peñas de alí», detalla.

Os partidos de fóra da casa vívense na sede da peña -chea de bunfadas doutras agrupacións celtistas coas que estableceron lazos- «con moita paixón». Aínda que en función dos rivais e dos horarios van máis persoas ou menos, hai uns cantos que non fallan nunca. «Se non foramos forofos non montariamos a peña. Temos moitos peñistas que son celtistas a morte, enfermizos, como digo eu», comenta.

Para os desprazamentos a Balaídos adoitan encher o seu propio autobús, co que segundo o horario, arrincan pola mañá e fan parada para comer antes de chegar a Vigo. Ademais, teñen bos amigos noutras peñas celtistas, caso de Carcamáns, Comando Celta ou outras das que están espalladas pola provincia de Ourense. «Como aparecemos no listado de peñas, ás veces veñen pola sede cando lles coincide estar por aquí, por exemplo no Entroido», apunta.