Diego Martínez: «Levo 21 anos picando pedra»

Xosé Ramón Castro
x. R. Castro VIGO / LA VOZ

GRADA DE RÍO

STRINGER

É o adestrador máis novo de Primeira despois de pasar por todas as categorías dende Terceira

27 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Diego Martínez (Vigo, 1980) é un dos adestradores de moda e o máis novo de cantos dirixen en Primeira División. Este vigués que dirixe ao Granada foise en idade xuvenil para estudar e triunfar en Andalucía, pero sen esquecer nunca as súas raíces galegas nin o galego. No seu idioma repasou o momento ilusionante que vive en Granada pero lembrando que leva 21 anos picando pedra en todas as categorías antes de chegar a elite. Tamén analizou con louvanzas a súa calidade, a visita do Celta, o seu equipo de formación, a Los Cármenes o vindeiro sábado, uns días antes de xogarse levar aos nazaríes a unha final de Copa do Rei medio século despois.

-Nin nos mellores soños se imaxinaría esta tempada.

-Eu estendería este soño ao último ano e medio. Cando chegamos a Granada non se barallaba a posibilidade de ascender e conseguímolo e agora en Primeira División as cousas están rodando moi ben.

-¿Cal é o secreto do éxito deste Granada?

-Falar dunha única causa é difícil, pero o que teño claro é que somos un equipo en maiúsculas. O noso día a día é esixente e a altura de querer mellorar e iso é moi importante.

-¿E mellorar é meterse en Europa e gañar a Copa do Rei?

-Mellorar é intentar gañar o seguinte partido. Temos 36 puntos e moita xente me comenta que o obxectivo da permanencia estaba case aí, pero en fútbol non hai cases, ou estás ou non estás. Estamos cerca do soño da permanencia, pero non está feito e por riba estamos en algo moi bonito coma unha semifinal de Copa.

-Un dos comentarios xeralizados é que Diego Martínez é un dos adestradores novos top de Europa. ¿Que pensa diso?

-Monchi, que é alguén moi importante na miña carreira, sempre dicía que do ‘Monchi, quédata’ ao ‘Monchi, vete ya’ ían dous partidos e esa é unha lección que teño moi gravada. Disfruto o momento, son feliz co meu equipo pero sei que no fútbol non se pode pensar moito máis alá.

-Pero chegou a adestrar en Primeira rápido, con 38 anos.

-Rápido non, porque eu levo 21 anos picando pedra en Terceira e Segunda B. Eu pasei por todas as categoría. Todo é segundo se mire. Cando debutaba esta tempada en Primeira dicía: «Levo 21 anos picando pedra». E tamén creo que ese percorrido de adestrar en todas as categorías dende Terceira dá unha bagaxe e unha experiencia como técnico moi enriquecedora.

-¿Ten unha variña máxica para que todo lle saia ben alí onde adestre?

-En Pamplona non conseguimos o play off, quedamos a un punto. É certo que non me podo queixar e estou moi agradecido, pero isto depende de moitas cousas, non só do adestrador. Sobre todo dos xogadores, que son os verdadeiros protagonistas disto e que queiramos xogar como equipo. Cando veñen estes momentos de felicidade, hai que aproveitalos, porque o fútbol profesional ten normalmente máis momentos malos que bos.

-¿Vostede é a plasmación de que non é necesario ser un futbolista de elite para ser adestrador?

-Non participo dese debate porque penso que a todos os adestradores se nos mide polo mesmo: por como xogan os nosos equipos e, sobre todo, polos resultados. Se cando empecei a adestrar fago caso a aqueles que me dicían que por non ser xogador non podía ser adestrador profesional, non chegaría nin a Terceira. Eu nunca fixen caso. Sei que non teño ese perfil, pero teño outras fortalezas. Eu tiña que xogar a miña partida coas cartas que tiña e a partir de aí empecei a desenvolver.

-¿Como se define como adestrador?

-Un apaixonado do xogo.

-¿Que lle comentan os seus coñecidos dende Vigo sobre a súa traxectoria?

-Están moi contentos, sofren comigo cando toca e moi ledos cando as cousas van ben. A miña familia e os meus amigos máis aló do resultados sempre me apoian e sempre sentín o seu cariño e o seu reforzo máis alá de gañar ou perder.

-¿Cando estaba na base do Celta xa se vía adestrador no futuro?

-Eu quería ser futbolista coma todos os nenos. O xermolo da paixón polo xogo vaise desenvolvendo e transformando e o que si é certo é que tiña moitas inquedanzas respecto a cuestións tácticas, a como adestrar ou por que se facían así as cousas, pero dentro dunha perspectiva de querer ser xogador. A min o que me entusiasma é o que pasa no verde, as claves do xogo.

-¿Gustaríalle adestrar ao Celta nun futuro e tería unha presión engadida por ser o equipo da súa cidade?

-O Celta ten un gra adestrador, que é Óscar García, e eu estou moi feliz en Granada. No futuro, no fútbol, ninguén sabe. Eu creo que non sería respectuoso falar deste aspecto.

-Pero a presión por ser adestrador da casa tamén a ten en Granada, de feito vostede defínese como andaluz de adopción.

-A profesión de adestrador ten consigo intrinsecamente a esixencia de ter presión, iso vai no cargo. Eu aquí estiven sete anos, estudei aquí, a miña dona é de aquí. Eu síntome galego porque nacín en Galicia, pero tamén é verdade que me sinto andaluz de adopción. Levo moitos anos nesta terra, que sempre me tratou moi ben, e aquí cumprín os meus soños e os desenvolvín profesionalmente.

«O Celta é un equipo dun nivel técnico moi alto e agora ten moita confianza»

Diego Martínez no quere falar da semifinal de Copa ante o Athletic o vindeiro xoves. A súa cabeza está na visita do Celta o sábado. Martínez Penas define ao equipo da cidade na que naceu como un plantel cheo de talento que agora está atopando o seu camiño.

-¿A súa cabeza que está no Celta ou no Athletic?

-No adestramento de mañá é tentar gañar ao Celta, que vai ser moi complicado. Temos unha semana de tres partidos e hai que preparar ao equipo o mellor posible.

-¿O 0-3 da semana pasada é un aviso para o Celta?

-Son tres puntos para nós, que levabamos moito tempo sen gañar fóra. Foi un gran partido do equipo e que nos deu moita confianza, pero o Celta tamén vén nunha boa dinámica. Creo que o sábado veremos un partido de dous equipos en boa liña.

-¿Esperaba que o Celta tivese tantos problemas para saír de aí abaixo?

-O Celta ten un gran equipo e agora está topando as súas sensacións. Ás veces as dinámicas de inicio de tempada condiciónante, pero este Celta é un equipo cun nivel técnico moi alto, con xogadores que poden marcar a diferenza e que ultimamente está nun nivel de confianza e cohesión moito mellor como equipo.

-¿Como ve o tándem Rafinha-Iago Aspas?

-Son perigosos, pero sería inxusto quedarme so con eles dous. O Celta ten moi boa plantilla máis alá que esteamos falando de xogadores puntuais. É un equipo moi difícil.

-¿Cales poden ser as claves do enfrontamento ante o Celta?

-Creo que a eficacia vai a ser moi importante e estar moi concentrados, porque o Celta é un equipo que en calquera xogada pode marcar a diferenza, xa que ten moito nivel técnico.

-¿Ten pensado gardar algún xogador para a volta de semifinais de copa?

-Non son de facer onces aos mércores.