Peña Carcamáns: «Os rapaces viñan de volta como se gañaran a Champions»

Vilagarcía LA VOZ

GRADA DE RÍO

CEDIDA

Feliz bautismo de fogo na maior mobilización celtista illense

11 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Balaídos foi o domingo unha festa. Unha festa do equipo que adestra Óscar García Junyent, pero tamén da inmensa maioría dos 20.375 espectadores, celtistas de corazón, e o maior activo do conxunto olívico, convertido desde hai anos no seu principal apoio cando as cousas veñen peor dadas. Como esta tempada, na que un gol de Pione Sisto no minuto 90 de partido permitíulle ao Celta saír de postos de descenso co seu apurado 2-1 ante o Sevilla.

Entre eses 20.375 espectadores atopábanse 750 socios da Peña Carcamáns, o 92 % do maior colectivo de seareiros celtistas, e o mellor exemplo desa afouteza que define o espírito do afeccionado do equipo de Balaídos, como demostrou protagonizando a maior mobilización humana nos seus 22 anos de historia. Once autobuses e decenas de vehículos particulares partiron a primeira hora da tarde do domingo desde A Illa, pero tamén desde Ribadumia e desde Mosteiro cara Vigo.

«¡Bufff! ¡Mellor, imposible! Foi como na típica película americana, con final feliz», recordaba onte o presidente da Peña Carcamáns. Para Belermo Dios, máis aló dos beneficios que para o equipo dos seus amores tivo o 2-1, o triunfo do Celta sobre o Sevilla déixalle a enorme satisfacción de grabar na memoria as caras do fato de adolescentes que se estreaban nun desprazamento dos Carcamáns, rapaces de 14-15 anos que ían cos seus pais, e que «viñan de volta coma se gañaran a Champions». Mozos que, coma os seus maiores, «non deixamos de animar en todo o partido», di un afónico Bele.