«Ten moito mérito estar consolidado en Primeira cunha idea de xogo recoñecible»

GRADA DE RÍO

PEPE TORRES

Logo de xogar oito anos na canteira, o vigués eloxia a aposta do Celta pola xenta da casa e por un estilo definido

08 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Diego Martínez Penas (Vigo, 1980) formou parte da base do Celta durante nove anos, dende idade alevín e ata xuvenís. Logo emprendeu unha viaxe que xa dura 20 anos fóra da casa, con Andalucía con parada e fonda a excepción dun ano no Osasuna pero neste tempo non perdeu contacto con Vigo nin co galego. O vindeiro domingo enfrontarase ao seu equipo de formación en Balaídos liderando a un Granada especialista a domicilio con catro puntos en dúas saídas.

-¿Este Granada mete medo fóra da casa?

-Este Granada é un club moi humilde que ten claro cal é a súa circunstancia dentro da categoría pero ao mesmo tempo é un equipo moi ambicioso con ganas de reivindicarse. Movémonos nos parámetros da humildade e a ambición e a ilusión que temos por disfrutar dunha das mellores ligas do mundo dános moita enerxía e motivación para medirnos aos mellores.

-Polos resultados colleitados, ¿atópanse mellor fóra da casa?

-O ano pasado fomos un equipo moi forte na casa e fóra e como adestrador quero que o equipo teña a mesma personalidade como local e como visitante, iso é o máis importante. Por tres xornadas non se pode etiquetar a ningún equipo.

-Sete goles fóra da casa non son unha cuestión menor.

-Isto é unha carreira de fondo, nós temos que ser moi formiguiñas pero máis alá dos resultados o que queremos é que o equipo transmita emoción e que os nosos afeccionados se sintan orgullosos de nós e que sexamos un equipo recoñecible e cunha entidade clara, algo que estamos conseguindo. Creo que estamos no camiño competitivo correcto, algo que debemos refrendar con puntos.

-¿Qué lle parece a operación retorno do Celta?

-Por cousas que escoitei estando en Vigo, creo que era algo do que o club viña falando nos últimos anos. Ademais de manter ese selo de canteira tamén querían que volvesen eses xogadores porque sería darlle un plus ao equipo e creo que é moi bonito sobre todo porque son excelentes xogadores e toda esa bagaxe profesional que adquiriron en equipos de primeiro nivel os poidan reverter no club do seu berce.

-¿Que lle parece o nivel da plantilla que ten o Celta?

-Creo que é un moi bo equipo. Non so polos que se incorporan, senón que xa estaban Iago, Brais, Lobotka.. creo que ten unha mistura bonita pero como todos os equipos necesita o seu tempo de d adaptación. Ese salto de calidade con Denis e Rafinha tamén hai que telo en conta.

-¿Haberá menos Iagodepedencia?

-Cada ano é distinto, pero por enriba de todo o que está facendo o Celta nos últimos anos ten moito mérito porque consolidarse en Primeira e incluso xogando en Europa cunha idea de xogo moi recoñecible con bos xogadores pero hai que aceptar que estamos nunha liga moi competitiva cunha igualdade tremenda e hai anos que están máis arriba e outros anos menos.

-¿Considera un rival directo ao Celta?

-Rivais directos son os 19. Nós sabemos que somos un recén ascendido e a historia dos recén ascendidos nas última tempadas a estatística é moi clara negativamente pero nós queremos darlle a volta a iso e conseguir a final de tempada ese soño da permanencia e para iso non miramos ao rival.

«Son un andaluz de adopción pero síntome moi identificado coa miña terra»

Diego Martínez acabou por converterse nun emigrante do balón, pero cando se foi con 18 anos fixoo para estudar. Marchou a Cádiz onde residira o seu avó, alí seguiu xogando ao fútbol e estudio Tafad, aos 25 anos xa adestraba en Terceira división ao Arenas de Armilla. Das últimas dúas décadas so estivo un ano fóra de Andalucía, en Pamplona con Osasuna.

-Di vostede que logo de tanto tempo xa se sinte andaluz, ¿non ten moita morriña?

-Considérome andaluz de adopción porque levo aquí moitos anos pero síntome moi identificado coa a miña terra. Quero moito a Galicia porque son as miñas raíces, pero na vida hai que ser agradecido e levo 20 anos en Andalucía e é unha terra que me tratou moi ben.

-¿O seu berce futbolístico foi o Sevilla cando o chamou Monchi?

-Como adestrador marcoume moito. Empecei con 20 anos a adestrar, con 25 estaba en Terceira división pero o salto a unha estrutura profesional foi no Sevilla, estiven alí oito anos e é un club que levarei sempre no corazón. Son sevillista de adopción e Monchi é unha persoa clave na miña carreira e estareille eternamente agradecido.

-E ata agora as cousas vanlle francamente ben en canto a resultados e éxitos.

-Non me podo queixar. Estou contento con toda a traxectoria pero eu só penso en ser cada ano o mellor adestrador que poida ser nese momento e a partir de aí adicarlle moitas horas e moita paixón. Ata agora todos os proxectos que tiven a oportunidade de dirixir tiven a sorte de topar con bos xogadores, con dirixentes que confiaron en min e déronse as circunstancias para que as cousas saíran moi ben. A Copa de Campións xuvenil, os ascensos co Sevilla Atlético a Segunda e co Granada a Primeira. Estou orgulloso desa traxectoria, pero non hai que fixarse só nos logros deportivos senón que a nivel persoal hai moitos feitos descoñecidos dos que me sinto tan orgullosos como dos títulos e teñen que ver co crecemento de xogadores, coa identificación dos equipos con determinados valores, cun método de traballo que se enriquece ano tras ano e que é eficaz e eficiente.

-¿Como se traballa nun club con propiedade chinesa?

-No noso caso a propiedade é chinesa cun grupo asesor que xestiona o Granada, o Tondela e o Chongqing Lifan chinés, onde está Antonio Cordón, pero nós temos unha xerencia local e no día a día é unha xestión normal. O seu funcionamento é igual que un club calquera.

-¿Como se define como adestrador?

-Son un apaixonado do oficio, do fútbol e un privilexiado por poder vivir disto.

-¿Apeteceríalle algún día volver a adestrar en Galicia?

-Por suposto e seguramente nalgún momento se dea, pero nunca pensei no seguinte paso. Creo que sería bonito e ilusionante pero gústame centrarme no presente e en Granada síntome moi feliz e moi realizado e creo que teño cousas que facer por aquí e no futuro xa se verá.