Íker Losada debutará coa selección española Sub-18 a vindeira semana

O dianteiro catoirense do Celta foi convocado para a Copa do Atlántico


vilagarcía / la voz

Catoira quizais poida empezar a soñar cun novo futbolista de Primeira en breve que acompañe ao seu querido Sergio Álvarez. Íker Losada, o dianteiro do equipo de División de Honra Xuvenil do Real Club Celta de Vigo, e capitán da selección galega da categoría, vén de aparecer esta semana por primeira vez nunha convocatoria para xogar cunha selección española. A Sub-18. Concretamente, para participar na Copa do Atlántico, que do 4 ao 9 de febreiro medirá o combinado hispano cos de Serbia, de Canarias e mais de Xapón en Las Palmas de Gran Canaria.

A calidade e o traballo do futbolista vikingo na canteira da Madroa servíulle no outono do 2016 para, con 15 anos, ser chamado a unha concentración de tres días da selección española Sub-16 no complexo deportivo co que conta a Real Federación Española de Fútbol na localidade madrileña de Las Rozas. Desde entón, Íker Losada permanecera fóra dos focos dos corpos técnicos da RFEF. Ata agora.

Xuvenil de segundo ano, o catoirense é o único galego no listado de 20 xogadores confeccionado polo seleccionador Sub-18 que deberán personarse o vindeiro luns na Terminal 4 do Aeroporto Adolfo Suárez-Barajas para partir cara Las Palmas. España xogará un día despois con Serbia, o mércores fronte ao equipo local, e o día 8 diante de Xapón, todos os partidos desde as 18.30 horas.

Méritos non lle faltan a Íker Losada á hora de mirar o seu nome na convocatoria de España Sub-18. Á súa continua progresión nos últimos anos súmase a madurez dun xogador quen de facerse coa capitanía na selección galega pese a tratarse dun xuvenil de segundo ano. Unha capitanía que materializa dentro de fóra do vestiario, cunha capacidade de liderado demostrada nos recentes dous partidos da primeira fase do Campionato de España de Seleccións Autonómicas, co celeste comandando a Galicia no seu triunfo sobre Estremadura, e ante a vixente campioa, Valencia, que derrotou o cadro local en Sanxenxo.

Pero onde mellor se observa a calidade e o peso de Íker Losada é no seu club. Un Celta no alterna a mediapunta e a banda esquerda a perna cambiada, sempre titular, e no que está a ser peza decisiva á hora de encabezar a clasificación do Grupo 1 da D.H.X. como máximo goleador do equipo cos mesmos 10 goles co punta Zinedine Labyad. Cunha xerarquía que o fai asiduo nos adestramentos do filial de Segunda B, co que xa xogou 10 minutos no campo do Unión Adarve e 3 en Barreiro contra o Fuenlabrada, ademais de figurar nas convocatorias co Ponferradina e a semana pasada en San Sebastián de los Reyes. Pero é que ademais o labor de Íker Losada lle valeu a participación en dous adestramentos co primeiro equipo do Celta con Antonio Mohamed inda no banco, e semana e media baixo as ordes de Cardoso no vestiario vigués.

«Foi unha sorpresa. Agora que teña a sorte de xogar, e facelo ben»

«Cando me enviaron do club a noticia, imaxínate. Estaba coa muller, e acojonados». Fala Salvador Losada, o pai de Íker, do momento no que se enteraron da primeira convocatoria do seu fillo para xogar cunha selección española. Tras o asombro inicial, a sensación virouse en alegría, para acto seguido comunicarse co seu rapaz. «Acababa de saír de clase do instituto, e ía para o adestramento. Debeulle de chegar a convocatoria do club mentres falabamos con el. Díxonos ‘Guai’. Vino emocionado. Moi contento», engade Salvador, que nos serve de informador ante a política do Celta de exposición cero dos seus canteiráns en materia de declaracións aos medios de comunicación. Na familia «estamos alegres. Agora que teña a sorte de xogar, e de facelo ben», sinala o pai. Pero se ben Salvador di que a convocatoria con España Sub-18 foi unha sorpresa, tamén apunta que «a verdade é que Íker está a facer unha tempada moi boa». Saíndo sempre de cara co Celta de D.H.X. Comezando na mediapunta, para caer a banda esquerda cos trocos, onde xoga máis cómodo, controlando, centrando e disparando cos dous pés coa mesma habilidade. E, salienta seu pai, «cunha visión de xogo acojonante para o pase que teñen poucos xogadores».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Íker Losada debutará coa selección española Sub-18 a vindeira semana