O sentimento celtista feito videoclip

La Voz

GRADA DE RÍO

KELTOI

O celtismo aplaude o vídeo da canción 'Unhas cores, un sentimento' de Keltoi!

29 oct 2018 . Actualizado a las 12:30 h.

'Unhas cores, un sentimento' non é un tema alleo a ninguén que frecuente Balaídos. O tema da banda Keltoi soou á conclusión do partido deste pasado sábado e noutras ocasións pode escoitarse nos minutos previos ao inicio dos encontros ou ben no intermedio. «A primeira vez que a puxeron foi en Segunda, estabamos no descanso en Marcador falando e soou por sorpresa, ¡non sabíamos nada!», lembraban os compoñentes do grupo en Grada de Río o ano pasado. Agora podería pasar a ser protagonista nos videomarcadores, porque este himno do celtismo xa ten videoclip. En menos de dous días achegouse ás 9.000 visualizacións:

Tras un traballo que se prolongou durante case un ano completo, o grupo estreou o venres un traballo que se gravou en parte en Balaídos e coa colaboración dun grupo de afeccionados. Desde o sábado está dispoñible en YouTube e nas últimas horas non parou de recibir o aplauso do celtismo, con afeccionados que incluso o propoñen para himno do centenario que o clube celebrará no 2023. O vocalista do grupo, Sime, daba hai uns días nesta web as claves dun proxecto para o que o Celta non lles permitiu contar con xogadores actuais para que fixeran un cameo, pero no que a cambio aparecen os míticos Vlado Gudelj, Javier Maté e Fernando Rodilla.