Sergio Álvarez: «O deporte é un escenario idóneo para potenciar o galego»

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

GRADA DE RÍO

XOAN A. SOLER

O porteiro do Celta participou nos Encontros para a Normalización Lingüística do Consello da Cultura

14 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Lingua e deporte déronse a man na vixésima edición dos Encontros para a Normalización Lingüística, que organizou o Consello da Cultura Galega durante os últimos dous días coa colaboración da Xunta. Entre os poñentes houbo deportistas profesionais, como o porteiro do Celta Sergio Álvarez.

-¿Por que participou?

-Son galegofalante de toda a vida e supón representar a un deportista de elite defendendo a súa lingua, o que é para min un orgullo. Hai que potenciar a nosa lingua, que é o galego.

-O ano pasado a palabra do ano foi afouteza, un termo que usou o Celta nunha campaña.

-O fútbol, coa cantidade de persoas que move, é moi importante á hora de potenciar a nosa lingua. Afouteza foi unha das palabras máis buscadas e das que a xente se informou debido a unha iniciativa relacionada co deporte, neste caso co Celta, que fixo unha campaña incrible no aspecto de potenciar o idioma. Se as cousas se fan ben e se elixen ben, o deporte e o fútbol son un escenario idóneo para potenciar o noso idioma. Pódense facer moitas cousas para que a xente e os nenos se conciencien de que temos un grande idioma en Galicia.

-¿Usar o galego axúdalle a unha maior conexión coa afección?

-Non o sei con exactitude, pero seguramente haberá persoas ás que lle guste máis porque son galegofalantes coma min e tamén lle gustará escoitar aos seus xogadores no idioma da nosa terra. Para min é un pracer poder defender a miña lingua e darlle visibilidade nun campo no que creo que habería que fomentala máis.

-Non será doado no fútbol profesional, que está tan globalizado.

-Está claro que hai xente de moitas nacionalidades, de moitos países e de moitos idiomas, pero aí está tamén o enriquecemento, que os que cheguen de fóra saiban que en Galicia se fala o galego e, por que non, intentar entendelo. Iso é importante.

-¿Hai algunha palabra que lle ensine en primeiro lugar aos que falan outras linguas?

-Como primeiras palabras sempre lles digo «bos días». Sempre entro polo vestiario e saúdo a todos deste xeito. É algo fácil e sinxelo de aprender, polo que para comezar non está mal.

-¿Algún lle sorprendeu no dominio do galego?

-Algúns que xa levan varios anos aquí xa intentan dicir algunha palabra, e cando falamos os galegos entre nós entenden a conversa ou preguntan. Aí vese que están abertos a aprender outras linguas.

-¿O fútbol pode axudar a romper tópicos respecto da lingua?

-Si, hai que eliminar os prexuízos de que o galego é unha lingua inferior. O galego é un idioma bonito, único, e témonos que sentir orgullosos de falalo.