Carcamáns anuncia autobuses gratis desde Vigo para a Romaría do 16 de xuño na Illa

La Voz VIGO

GRADA DE RÍO

CEDIDA

Poñen este servizo á disposición dos afeccionados en colaboración coa Fundación Celta

11 abr 2018 . Actualizado a las 09:56 h.

Pouco a pouco vanse coñecendo máis detalles da Romaría Celtista que acollerá A Illa de Arousa o vindeiro 16 de xuño baixo a organización da peña Carcamáns, a máis multitudinaria de cantas compoñen a Federación de Peñas. Revelado o programa, a última novidade é que haberá unha liña de autobús gratuita para acudir á gran festa que se está cociñando para dentro de só un par de meses.

A propia peña organizadora foi a encargada de anunciar esta opción que poñen a disposición das persoas que queiran acudir. Fano en colaboración coa Fundación Celta e está previsto que a ida desde Vigo sexa pola mañá, con volta tralo remate dos concertos de Malandrómeda, De Vacas, Keltoi, Noite Fechada e Igmig.

Para poder inscribirse é imprescindible ter mercado previamente a entrada para o evento e para máis información pódese contactar coa cervexaría The Movie, sede viguesa de Carcamáns. Fundada en 1998, a peña celebra con esta romaría o seu vixéximo aniversario. Colle o relevo na organización deste acontecemento de tres peñas que o promoveron anteriormente: Merlegos Celestes (Santiago, 20015), Siareiros Dezaos (Lalín, 2016) e Pepa Loba (Muros, 2017).