Afouteza tamén gaña o partido da lingua

La Voz VIGO

GRADA DE RÍO

Jacobo Philippot

O termo, estreitamente vencellado ao Celta, elixido palabra do ano 2017

27 dic 2017 . Actualizado a las 12:52 h.

A palabra afouteza, estreitamente vencellada ao Celta e de xeito máis especial neste ano 2017, vén de ser escollida como palabra do ano 2017. Un total de 3.004 persoas, o 48 % dos votos emitidos, foron para este termo que forma parte do himno do clube vigués, que dá nome a unha peña celtista e que foi o epicentro da campaña do clube con motivo da disputa das súa primeira semifinal de Europa League baixo o eslogan de «This is afouteza». 

«O éxito de afouteza cociñouse ao longo de todo o ano 2017, xa que durante varios meses liderou a listaxe de palabras máis buscadas no Dicionario semana tras semana», lembra o Portal das Palabras da Real Academia Galega. E lembra que se ser !unha voz non moi frecuente na fala coloquial», pasou ao uso xeraldebido á campaña do Celta “Ensinémoslle ao mundo o significado de afouteza”, baseado nun verso do propio himno do club. «A motivación dos e das seareiras pesou sen dúbida para que gañase a Palabra do Ano», din incidindo en que ten un contido e unhas implicacións que van máis alá do futbolístico.

Di a RAG que neste ano que remata «afouteza conquistou unha vida nova: saltou do campo de fútbol á rúa, da rúa aos medios e tamén se introduciu en textos de diferente tipo, espertando a curiosidade de quen non a coñecía e pasou a incorporala ao seu tesouro léxico persoal». A palabra, cun sólido fundamento histórico, foi nestes últimos meses gañando posicións no espazo da fala e o léxico vivo. Fala a RAG de «o mellor resultado posible: un partido en que gaña a lingua».

Independencia foi a seguinte en número de votos con 939 e sapoconcho a terceira con 830. Eucaliptización, teimudo, vaga de lumes, violencia de xénero e velutina completan, por esta orde, a táboa de posicións final.