Os directivos son na súa maior parte afeccionados na trintena, aos que se suma tamén moita mocidade. «Somos xente moi activa, que tomamos o celtismo coma unha festa, sobre todo os de 20 e pico, que o viven quizais con máis impetú aínda», sinala. Habituais en Balaídos encántalles acompañar ao Celta tamén nas súas viaxes sempre que lles é posible. Para a semifinal de Europa League fronte ao Manchester en Vigo chegaron a desprazarse medio cento de persoas.
O balance deste tempo como peña é «moi positivo» por moito que os inicios non fosen doados. «Comezamos algo dubidosos, cautos, non sabíamos como movernos. ¡Tiñamos que consultar moito con Pepe!», confesa en alusión ao presidente da Federación de Peñas. Logo dun primeiro ano que lles serviu para darse a coñecer, o crecemento foi notable en todos os sentidos. «Hai que destacar que os nosos peñistas o tomaron con moitas ganas e enerxía. Ao principio ata se nos foi das mans facendo demasiados desprazamentos a Vigo. Despois pasamos a potenciar outras actividades», relata.