O Gato sopra 31 velas

La Voz VIGO

GRADA DE RÍO

Sergio Álvarez naceu en Catoira o 3 de agosto de 1986

03 ago 2017 . Actualizado a las 10:06 h.

1986: Hai hoxe 31 anos nacía en Catoira un dos canteiráns do actual Celta, o gardameta do primeiro equipo Sergio Álvarez, O Gato. Logo de comezar a darlle patadas ao balón ao pouco tempo de aprender a camiñar -así o contaba no seu día seu irmán a Grada de Río-, iniciouse na práctica do fútbol na súa localidade natal, formándose logo na base do Arousa.

Tiña 17 anos no momento de iniciar a súa aventura celeste. Con 18, e con Rafa Sáez como técnico, convertiuse no porteiro titular do filial, co que segiu sumando encontros nas tempadas seguintes, xa alternando con Marcos Bermúdez e Yoel ata que saíu cedido ao Racing de Ferrol no curso 2008/2009, cando xa tivera oportunidade de adestrar co primeiro equipo.

De volta en Vigo seguiu no filial, debutando co primeiro equipo, daquela en Segunda, o 4 de xuño do 2011, nunha última xornada de campionato na que o Celta de Paco Herrera venceu 3-0 ao Cartaxena antes de disputar o fallido play-off. Ao ano seguinte xa tería un oco de maneira continuada, alternando con Yoel.

Xa co equipo en Primeira, a Sergio tocoulle exercer de suplente de Varas, que chegara a Vigo cedido polo Sevilla. Foi ese equipo fronte ao cal debutou Sergio o 5 de outubro do 2012. “Os debuts sempre se lle deron ben, eu digo que tiña que debutar sempre”, comentaba súa nai a Celta Media hai uns meses. Ese ano só xogou un puñado de partidos, igual que o seguinte, cando Yoel, de volta da súa cesión en Lugo, convenceu a Luis Enrique.

A chegada de Berizzo foi inicialmente sinónimo de continuidade para Sergio en Primeira. Aquel verán marchou Yoel ao Valencia e Rubén exeerceu como segundo porteiro. Disputou 38 partidos entre liga e Copa e chegou mesmo a ser escollido porteiro revelación da campaña 2014/2015 polos redactores da web da UEFA.

Nas dúas últimas tempadas, a aposta de Berizzo fora rotar na portería, se ben as lesións do mosense fixeron que Sergio acabase acumulando moito máis protagonismo. As súas intervencións nalgunhas das eliminatorias da Europa League foron claves para que o equipo puidera acadar as semifinais do torneo.

Agora, un ano máis, O Gato enfróntase a Rubén pola titularidade, pero tamén a un Iván Villar que decidiu quedar no primeiro equipo e loitar por un posto. Recupera así o clube a figura dos tres porteiros na súa primeita plantilla con Sergio coma o máis veterán. Con el son seis os xogadores que acadaron a trintena: Cabral, Roncaglia, Marcelo, o Tucu e, dous días atrás, Iago Aspas.