«Queremos ascender porque para moitos a oportunidade é única»

GRADA DE RÍO

Oscar Vazquez

O capitán, con seis anos no filial, é testemuña do troco radical dun equipo que soña coa Segunda A

19 abr 2017 . Actualizado a las 11:16 h.

Kevin Vázquez Comesaña (Nigrán, 1993) é un dos pilares que sosteñen a un Celta B embalado para o título en Segunda B. O lateral dereito e capitán leva oito anos no club logo de chegar en xuvenís procedente do Areosa, a súa anterior entidade de toda a vida. Kevin é testemuña do troco dun equipo que pasou de tambalearse no fútbol de bronce a converterse un claro candidato ao ascenso a Segunda A. Ten claro que teñen que agarrarse como sexa a esta oportunidade.

-¿Como está vivindo esta tempada?

-É unha tempada moi emocionante. Todo foi sobre rodas. Estamos con moita ilusión.

-Leva seis anos no filial, un tempo onde se deron todo tipo de situacións.

-Ascendemos de Terceira a Segunda B nun bo ano, a partir de aí quixeron facer un proxecto ambicioso con moita xente nova pero perdemos a categoría e logo, a partir de aí, todo foi para arriba. Pouco a pouco foron mellor as cousas e este ano está saíndo bordado.

-¿Imaxinaba que a falta de catro xornadas sería líder e estaría loitando polo campionato?

-A principio de tempada era difícil pensar niso logo de levar tres anos loitando por non descender, pero a verdade é que a chegada de Alejandro Menéndez fai ano e medio veunos bastante ben. A xente encheuse de ilusión e de confianza e todo foron boas novas.

-¿Que cota ten neste éxito o adestrador?

-Moita. El é o que propón a idea. Todo céntrase nel e a partir diso nós levámola a práctica.

-Ademais do adestrador, ¿que outros factores levaron ao equipo a estar aí arriba?

-A calidade de cada xogador tamén é importante, a faceta goleadora de Borja, o traballo na sala de máquinas dos mediocentros, o traballo defensivo ao que Alejandro lle deu moita importancia para no encaixar eses goles que a veces os filiais parece que da nada lle meten. Moitos factores.

-¿A falta de catro xornadas vese campión de grupo?

-É difícil, pero sabemos que está na nosa man e que nunca estivo tan preto. Temos que ir partido a partido e pensar só no Boiro porque agora mesmo para nós é o partido máis importante da Liga.

-¿Serán necesarias as catro vitorias?

-Creo que o van poñer moi difícil e que necesitaremos gañar os catro partidos.

-Sería rematar a Liga con 12 vitorias consecutivas, o que non parece doado...

-Dende logo que é difícil, pero nós só temos a mente no partido seguinte. Non pensar en gañar catro de catro, só un de un.

-Sería un pau xogar o play off de segundo ou terceiro.

-A tempada sería igual de grandísima quedando segundos e temos que estar preparados igual para loitar polo ascenso. Pero agora mesmo queremos quedar primeiros.

-¿Que significaría xogar en Segunda A para o Celta B?

-Sería achegarse ao primeiro equipo un pasiño máis e estar metido no fútbol profesional. Para calquera xogador sería dar un paso moi importante. Queremos ascender, porque para moitos a oportunidade é única logo de tantos anos na Segunda B.

-¿Sería bo xogar a fase de ascenso en Balaídos?

-A min gústame moito Barreiro, porque estou moi acostumado a xogar aí, pero nós demostramos que en campos grandes como o da Cultural ou o Santander funcionamos ben cos espazos abertos.

-¿Xa mirou de reollo algún dos posíbeis rival?

-Sempre se mira. Sabemos da calidade do Barça B, que o Albacete ten un gran equipo. O importante agora só é o seguinte partido.

-¿Vese con opcións de chegar ao primeiro equipo?

-Ogallá, pero tendo a dúas bestas por diante como Hugo Mallo e Jonny é moi complicado. Faríame moita ilusión pero queróme centrar no Celta B.