Casa Chelo: a cociña da bisavoa aloumiñada a lume lento pola «nena»

Natalia Rodríguez Noguerol
Natalia Noguerol ARZÚA / LA VOZ

RESTAURANTES DE ALDEA

XOAN A. SOLER

Esta casa de comidas de Arzúa triunfa cos pratos de culler, o seu cocido e, por suposto, a estrela do menú: carne á media hora

07 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

No número 14 da Fraga do Rei, en Arzúa, a cociña bilbaína de leña non deixa de tirar. Sexa inverno ou verán. Ao seu calor aínda seguen quentando moitas das potas das que sae a boa mesa que se serve en Casa Chelo, unha coñecida casa de comidas na terra do queixo con máis dun século de historia. Empezouna a escribir Generosa, a bisavoa de María José Sanmartín, que se perde na certeza dos anos que ten o establecemento familiar. Mais é suficiente a pista que dá para caer na conta da centenaria tradición culinaria que atesoura esta cociñeira á que todos os seus veciños coñecen como «a nena». «Miña nai xa ten 83 anos», conta. Súa nai é Chelo, que bautizou co seu nome este popular establecemento de hostalaría do interior coruñés, como antes o fixera a súa avoa Lucrecia. «Somos unha saga de mulleres», apunta María José, que representa a cuarta xeración ao fronte dun negocio familiar, embaixador da gastronomía galega no Camiño de Santiago.

Hai preto de 25 anos que «a nena» se puxo man a man coa súa proxenitora aos fogóns de Casa Chelo, que, aínda co selo innovador que lle imprime á carta, segue a ser, como ela mesmo di e así lle gusta que sexa, «unha casa de comidas» na que a cociña tradicional se mantén como preferencia entre os comensais. «Foi miña nai quen me ensinou a facer os pratos tradicionais, que son, aínda que agora vas elaborando  e incorporando propostas novas, os que máis se serven», conta a cociñeira arzuá, confirmado así que «o que triunfa é a comida de sempre». Por iso nunca faltan na carta «os pratos de culler», e, entre todos, co que máis se fan a boca auga quen sentan á mesa a comer é «sen dúbida» un clásico da cociña autóctona: o caldo. Sérveno ata no verán, cando hai días nos que tampouco falta un bo cocido galego.

XOAN A. SOLER

Pero o prato dos pratos deste popular establecemento arzuán é unha creación propia  da casa: a «carne á media hora», como así lle chamaron á carne de man de terneira que se presenta empanada, e feita nunha salda de cebola. A receita orixinal é segredo da cociña familiar, de onde saíu por vez primeira da man de «a miña avoa, que, recorda sempre miña nai, presentou o prato a un concurso de cociña, e gañou», conta María José Sanmartín. E de casta lle vén ao galgo porque «a nena» de Casa Chelo ten gañado en máis dunha ocasión, e de dúas tamén, o concurso gastronómico que se celebra ao abrigo da Fesa do Queixo de Arzúa para promover o uso culinario do manxar lácteo por antonomasia do país. María José pono en valor na súa cociña coa creatividade e o bo facer que a caracteriza aos fogóns. Na carta de Casa Chelo, con dez primeiros e seis segundos, non faltan, así, propostas que levan o selo innovador da súa cociñeira. O bacallau confeitado con queixo de Arzúa, ou con froitos secos, é un deses pratos de novo, tan suxestivos e exquisitos como os tradicionais que se serven nesta casa de comidas de toda a vida.

  • Especialidade da casa: Carne á media hora
  • Menú: 11 euros (con primeiro, segundo, postre e bebida; de luns a venres ao mediodía)

* Arzúa non forma parte do grupo de concellos obrigados a ter a hostelería pechada