As selectas delicias do mar galego

La Voz

SABE BIEN

SIMÓN BALVÍS

Case imposible non deixarse seducir pola incomparable calidade e sabor dos mellores e máis frescos peixes e mariscos da frota do día, os que garante e acredita a marca pescadeRías

31 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Se aínda non probou, malia que seguramente llo contaron moitas veces, pode ser o momento perfecto para comprobar por que case todos repiten. Verá que non chufan sen motivo cando presumen de comer os mellores e máis frescos produtos do noso litoral. Nestas festas, como en calquera outro momento do ano, é case imposible non deixarse seducir por algún deses peixes aos que tantas veces se lle foron os ollos porque parecen querer «saltar» dos mostradores ou por eses mariscos que non paran de moverse. Son os preferidos polas mulleres e homes que medraron a carón do mar e polos cociñeiros que máis miman os seus pratos. Non fai falta ser tan experto como eles para mercar as selectas delicias do mar galego. Con toda a confianza, basta buscar o distintivo pescadeRías, a marca que acredita e garante a orixe, a calidade e a frescura.

Por se aínda así quedan dúbidas, disipalas é tan doado como coller o teléfono móbil e usar a cámara para ler o código QR da etiqueta. Calquera consumidor pode ver nos peixes e mariscos frescos que todos foron capturados ou extraídos nas vinte e catro horas anteriores. Sexan ou non elaborados, tamén é posible seguir a súa trazabilidade, coñecer os datos certificados sobre as mans polas que pasou desde a lonxa ata o consumidor.

Do mar á peixería e de aí á súa casa, eses selectos produtos do mar son o resultado do esforzo e do bo facer de mariñeiros e mariscadores que faenan de luns a venres nas rías e na costas galegas. Os mesmos que durante toda esta pandemia o deron todo, aínda gañando menos do habitual, para que nas mesas de Galicia e do resto de España non faltasen peixes nin mariscos. Os mesmos que seleccionan o mellor das súas capturas para vendelos nas lonxas co selo pescadeRías. Do mar á mesa, en toda a cadea tamén se esmeran para manter o prestixio dunha marca impulsada pola Consellería do Mar doce anos atrás.

«Destacado pola Comisión Europea como exemplo de boas prácticas», pola pesca artesanal, sustentable e ecolóxica, así como polas garantías que lle ofrece aos consumidores, o selo de identidade «pescadeRías ¿de onde se non?» xurdiu para diferenciar os produtos do día galegos nun mercado globalizado que converteu as peixerías nunha sorte de «torre de Babel» con procedencias e calidades dispares. Para o consumidor, sinalan os promotores, «é unha garantía de frescura e calidade, de respecto ao medio ambiente e de aplicación dunhas prácticas hixiénicas e de manipulación adecuadas». Tamén os profesionais do mar teñen verificado que axuda a promocionar os froitos do seu traballo e a darlles máis valor.

Todos extraídos con artes e métodos artesanais, selectivos e respectuosos co medio mariño, pescadeRías garante case un cento de peixes, máis de vinte moluscos, once crustáceos, cinco cefalópodos e vinte e cinco algas. Frescos, conxelados, conservas ou precociñados, manteñen ata a venda final a etiqueta que lles poñen por primeira vez na lonxa se no resto da cadea se cumpren os requisitos do selo de orixe, frescura e calidade.

Nunha evolución continua, a iniciativa da Xunta suma adhesións ano tras ano. Os últimos datos de Mar falan duns 4.000 barcos de baixura e litoral, outros tantos mariscadores, unhas corenta lonxas, case trinta centros de depuración e expedición, arredor de vinte cinco distribuidores e empresas de transformación, case duascentas peixerías, en torno a quince tendas dixitais e uns 120 restaurantes. Xuntos puxeron nos mercados no último ano máis de doce millóns de quilos de produtos pescadeRías, seis veces máis que unha década atrás.

Con esa marca véndense oito de cada dez berberechos galegos, case todas as vieiras e volandeiras, nove de cada dez ostras, case oito de cada dez navallas e seis de cada dez ameixas xaponesas e babosas. Tamén acredita nove de cada dez quilos de algas wakame, case todas as leitugas de mar e oito de cada dez quilos de correa ou fideo de mar. En porcentaxes menores os peixes e cefalópodos, porque, malia a súa contrastada calidade e orixe, non todos os galegos os captura a frota de baixura. No Nadal e no resto do ano, «pescadeRías ¿de onde se non?».