A Galicia gourmet conquista o mundo

C. López

SABE BIEN

ANGEL MANSO

Viños, licores, queixos, meles, hortalizas, froitos, carnes, pans, postres, conservas ou peixes galegos comezan a facerse un oco no mercado usando a calidade como elemento diferenciador

31 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O reporteiro de The New York Times Fred Ferretti escribiu en 1983, unha década antes do primeiro Xacobeo, un artigo sobre Santiago de Compostela no periódico norteamericano. Titulouno Food Market in Galicia (Mercado de alimentos en Galicia) porque o que máis lle chamou atención non foi a catedral, nin o Apóstolo nin o ambiente universitario das rúas da cidade vella, foron os produtos que viu no mercado de abastos compostelán, uns manxares que, ao seu xuízo, o público norteamericano non podía perderse. Polo menos, non podía obviar a súa existencia: «Hai 387 postos que venden de todo, desde froita, verdura e mariscos ata ovos frescos, patacas, patas de porco frescas ou curadas, polos recén sacrificados ou aínda vivos, cabritos e cordeiros, salchichas condimentadas chamadas salchichón ou as elaboradas só con pura carne de porco, denominadas longaínzas. Pans redondos caseiros, algúns con fariña por riba (…) Había moitas variacións do queixo local, queixo tetilla en forma de cúpula, e fronte á igrexa de San Fiz había un pequeno carriño de venda, con forma de locomotora que vendía castañas recén asadas quentes, castañas que estaban deliciosas», contaba o texto.

Alvite

Máis de trinta anos despois de que Ferretti escribise aquel artigo, moitos daqueles produtos non precisan presentación ao outro lado do charco. Non é estraño, por exemplo, atopar viños coa denominación de orixe Rías Baixas en restaurantes de Nova York, Chicago ou mesmo no epicentro do imperio de Coca-Cola, Atlanta, no sureño estado de Xeorxia. Por non falar de que os embutidos ou o lacón acadaron poñer unha pica en Alemaña, o reino das salchichas. Ou que as conservas de peixe ou de produtos da horta como os grelos ocupan un lugar destacado nas tendas gourmet de cada vez máis países. Ou que a un noruegués se lle derretan as papilas gustativas cando proba un mexillón da ría coa DOP Mexillón de Galicia, que nada teñen que ver co sabor dos mexillóns belgas.

Aínda que non é estraño que o que proba eses produtos galegos por primeira vez, repita, é certo que boa parte da proxección exterior que tivo é froito de terse amparado baixo o paraugas das Denominacións de Orixe Protexidas (DOP), de Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP), de selos Galega 100% (no caso do leite) ou o feito de pertencer a unha raza autóctonas. E a partir de agora o selo Artesanía Alimentaria tamén suporá un trampolín para aqueles produtos que se acollan a el.

Calidade diferenciada

O camiño comezou, pero hai que continuar andando para chegar aínda moito máis lonxe. Como? Da man de Galicia Calidade porque, de feito, foi a calidade e a maneira de facer as cousas o que chamou a atención de Fred Ferretti. Entón, tendo unha boa receita, avalada ano tras ano por premios de índole internacional no campo dos viños ou das carnes, para que cambiala.

Santi M. Amil

Galicia e os seus produtos teñen moito potencial. E aínda hai moita corda para explotalo. Os alimentos que saen do campo bástanse por si sós para non deixar nin un cabo solto nun gran banquete. Desde as cinco denominacións de orixe de viño -Ribeiro, Valdeorras, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Monterrei- ata os Viños da Terra con IXP -Barbanza e Iria, Betanzos, Val do Miño-Ourense e Ribeiras do Morrazo-.

Non faltan tampouco os licores tradicionais como o orujo, a augardente de herbas, ou o licor café, un dixestivo perfecto despois dunha boa carne de tenreira como a amparada baixo o selo da IXP Ternera Gallega, a indicación xeográfica máis importante no sector cárnico español, ou a IXP Vaca gallega e Buey gallego, nacida no 2017 para dar valor ao produto de gando maior.

Pero non hai que desmerecer tampouco carnes como a de porco, cuxas patas dianteiras teñen tamén a súa propia IXP, Lacón Gallego. En aves está a do Capón de Vilalba, un ave que este ano, pese a ter suspendido a feira tradicional de Nadal como medida para previr o covid-19, logrou voar alto nese gran mercado global que é a Rede­.

MARCOS MÍGUEZ

E como non están as verduras, a guarnición perfecta para acompañar esas carnes ou o peixe de PescadeRías. Desde as hortalizas amparadas polo selo do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica (Craega), caracterizadas por estar adaptadas ao medio e por respectar períodos máis longos de maduración; ás que contan co apoio de Indicacións Xeográficas Protexidas como Grelos de Galicia, Pataca de Galicia (cuxa zona de produción abrangue agora toda Galicia), Pemento de Mougán, Pemento de Oímbra, Pemento do Couto, Pemento de Arnoia ou a Denominación de Orixe Protexida Pemento de Herbón.