A Mesa anuncia que RTVE terá contidos en galego na canle infantil Clan antes de que remate o ano
GALICIA
Empregarase a emisión dual, na que o espectador pode elixir a lingua na que quere ver os contidos
09 oct 2026 . Actualizado a las 13:43 h.RTVE ten previsto incluír programación infantil en galego na súa canle especializada Clan antes de que remate o ano. Así llo comunicou á Mesa da Normalización Lingüística o presidente do ente público, José Pablo López Sánchez. Entre os primeiros contidos que se están a preparar figura a serie Momonster, cuxa dobraxe, explica López, está xa avanzada. A oferta, asegura, irase ampliando «progresivamente».
A través dunha carta dirixida a Marcos Maceiras, presidente da Mesa, o máximo responsable de RTVE indica que están a traballar nunha «incorporación progresiva de contenidos de animación en la lenguas cooficiales a Clan», incluíndo o galego «con el mismo tratamiento y calendario previsto» para el catalán o el vasco. O modelo previsto para a emisión destes contidos é a emisión en sistema dual que manterá a dispoñibilidade do castelán, pero que permitirá ao espectador elixir outro idioma cooficial para escoitar os contidos.
Segundo a misiva, o calendario de impulso a esas emisións en dual prevé que poidan comezar en decembro. Con todo, aclara que a data definitiva dependerá das probas técnicas que se fagan logo do cambio de canles previsto para o vindeiro 5 de novembro, no marco do plan de resintonización. «Diciembre es nuestra referencia de trabajo», indica o presidente de RTVE.
A normalización do sistema dual, explica a carta, non só permitirá a emisión de contidos infantiles, senón que tamén fará posible planificar a emisión de partidos de fútbol con audio en galego e en castelán nos encontros para os que RTVE dispoña dos dereitos necesarios. Pola súa banda, a oferta de Clan irese ampliando en función da dispoñibilidade das versións dobradas e dos dereitos de emisión de cada produción.
Dende A Mesa destacan que estes avances derivan do acordo ao que RTVE chegou con este colectivo de defensa da lingua galega, e agardan que o paso agora anunciado polo presidente do ente público se sume ao resto de compromisos acadados que supuñan o aumento de contidos en galego en TVE, en Clan e en RNE.
Na xuntanza mantida no mes de marzo, A Mesa reclamáralle ao máximo responsable da RTVE celeridade no cumprimento da lexislación, lembrando que só 0,9 % dos contidos audiovisuais están en galego e que RTVE debe cumprir os mínimos que establece a lexislación incorporando o galego ás emisións na súa canle infantil e asegurando que cando menos o 2,5 % dos seus contidos están en galego. A Mesa recordou que o Estado debe garantir unha radio e unha televisión en galego tal e como establece o artigo 11 da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas.