Ana Pontón, tralo pasamento de Beiras: «Ensinounos a todos e a todas que había que defender a nación galega»
GALICIA
A portavoz nacional do BNG lembra o día que o coñeceu cando ela tiña 16 anos: «É un referente para moitas xeracións, entre as que eu mesma me inclúo»
08 oct 2026 . Actualizado a las 12:25 h.A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, compareceu este xoves no Parlamento galego para lembrar a figura de Xosé Manuel Beiras, quen faleceu esta madrugada aos 90 anos na súa casa de Brión. A líder do Bloque recoñeceu que a morte do intelectual e referente nacionalista «encolle o corazón» a todos, e identificouno como «unha figura clave do BNG» despois de exercer como portavoz nacional durante 20 anos, unha etapa que cualificou de «fundamental para poder espandir o BNG como alternativa».
Pontón subliñou a influencia de Beiras para os máis novos ao salientar que foi «un referente para moitas xeracións, entre as que eu mesma me inclúo». «Foi unha persoa que nos animou no seu momento a moita xente a dar o paso a participar, a implicarse, a defender Galiza e a entender que defender un mundo máis xusto empezaba por traballar para que fora máis xusto precisamente no que temos máis cerca», dixo a líder do Bloque, que lembrou o día que coñeceu a Beiras, cando ela tiña 16 anos e estudaba no instituto en Sarria. «Acababa de empezar a participar a través das mocidades do BNG, el viña dar un mitin en Sarria, e para min aquel era como ese momento que estás esperando porque era un referente moi importante. Lembro que ese día o grupo que estabamos alí de Galiza Nova nos dixo que el confiaba moitísimo na mocidade deste país, que non deixáramos nunca de loitar e que non deixáramos de ter esperanza, e esa é unha mensaxe que eu levo sempre dentro de min», contou.
Máis aló do ámbito político, Pontón quixo enviar as súas «palabras de agarimo á súa familia», con mención especial para os seus fillos, Daniel e Ricardo, subliñando que perder a un pai «é un trago moi difícil para calquera persoa». Amosouse segura de que neste duro momento lles axudará sentir «o cariño e o afecto que tantas e tantas persoas, de maneiras de pensar diferentes, sinten polo seu pai».
Ao ser preguntada pola prensa sobre a etapa final da traxectoria de Beiras trala súa ruptura co BNG e a posterior aproximación, Pontón evitou entrar en valoracións sobre a fenda política e centrouse no seu legado. «Beiras ensinounos a todos e a todas que había que defender a nación galega, que había que sentir amor por este país, que había que facer política con paixón. E nesa mensaxe me quedo», resolveu, reiterando que se trata dun «referente clave do nacionalismo» e da «propia historia de Galiza».