A Mesa reclama ao conselleiro de Sanidade que protexa o dereito dos doentes a usar galego co persoal médico

La Voz

GALICIA

Elsa Quintas, vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística
Elsa Quintas, vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística Salvador Sas | EFE

Denuncia que unha médico de urxencias no hospital de Ourense esixiu a unha paciente que lle falase en castelán

02 oct 2026 . Actualizado a las 14:03 h.

A Mesa pola Normalización Lingüística trasladou onte ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, a queixa presentada por unha doente á que unha médica de urxencias non permitiu falar en galego no Servizo de Urxencias do Hospital Universitario de Ourense.

Segundo denuncia a doente, ao se dirixir á profesional sanitaria en galego durante a atención na consulta a médica respondeu: «A mí me habla en castellano». Ante esta situación, Elsa Quintas Alborés, vicepresidenta da Mesa e directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, recórdalle a Gómez Caamaño que o «a lingua propia de Galiza é o galego», segundo recolle o Estatuto de Autonomía de Galiza e que a lei establece que «os poderes públicos de Galiza garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciaran o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa».

Quintas solicítalle ao conselleiro que tome as medidas necesarias para corrixir esta situación e evitar que se repita no futuro «garantindo a atención en galego en todos os servizos prestados pola Consellería de Sanidade». Nese sentido, recórdalle que a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de Saúde de Galicia, recolle expresamente a necesidade de garantizar o respecto á «personalidade, dignidade e intimidade» dos doentes, «sen ningunha discriminación por razón de raza, sexo, relixión, opinión, idioma, ideoloxía ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social».

A directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos tamén salienta que a Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, establece como falta moi grave toda actuación que supoña discriminación por razóns ideolóxicas, morais, políticas, sindicais, de raza, lingua, xénero, relixión ou circunstancias económicas, persoais ou sociais, tanto do persoal como das persoas usuarias, ou pola condición en virtude da cal estas accedan aos servizos das institucións ou centros sanitarios.