Rueda agradece «a unha forza política tan importante como o Partido Socialista» o pacto sobre o galego
GALICIA
O presidente contrapón a «altura de miras» e «valentía» precisas para acordar co «enfurruñamento» dun BNG «descolocado».
28 sep 2026 . Actualizado a las 16:31 h.Alfonso Rueda agradeceu este luns poder chegar a un acordo «cunha forza política tan importante como o Partido Socialista» sobre o futuro do galego. O presidente da Xunta, preguntado polo pacto que o partido que lidera, o PPdeG, e os socialistas asinaron a semana pasada, destacou a importancia de ter chegado a un consenso neste momento de «polarización enorme» na política.
Rueda explicou que as negociacións pola parte da Xunta levounas o conselleiro de Cultura, José López Campos, e celebrou a «altura de miras» e a «valentía» que permitiron chegar a un «acordo necesario». Contrapuxo a actitude do PSOE coa de outras forzas que «querían todo o contrario, dixeron que non se ían sentar e tentaron mesmo boicotear o proceso de escoita» empregado para redactar as bases do acordo.
O líder do PPdeG subliñou tamén que é «moi difícil» negociar con forzas que teñen esa estratexia ou pretenden falar «cun mecanismo aparte ou só con eles. Aquí todos teñen os mesmos dereitos e oportunidades».
Esas críticas ían dirixidas ao BNG, e explicitouno logo cando dixo que ese partido mostrou tralo pacto ser «incapaz dunha reacción que non sexa o enfurruñamento permanente».
Rueda insistiu ademais en que a lingua é unha cuestión inapropiada para facer diferenciación política ou «dar carnés de bo e mal galego, iso é cousa de quen se quedou fóra do acordo e vai quedando claro por que».