Anpas Galegas critica que a Xunta substitúa rutas de transporte escolar por axudas económicas
GALICIA
Considera que as subvencións para alumnado que non conta con rutas para atendelo son un parche, e reclaman máis servizos para zonas rurais dispersas e con pouca poboación escolar
28 sep 2026 . Actualizado a las 12:28 h.A confederación Anpas Galegas censurou este luns, a través dunha nota de prensa, as axudas da Xunta de Galicia para compensar os gastos de transporte escolar do alumnado con dereito a autobús da Xunta pero que non pode facer uso dese servizo por non existir a ruta. Estiman que non resolve un problema que, ao seu xuízo, debería solventarse con máis liñas de transporte escolar, tamén para zonas rurais e dispersas.
«A inexistencia de transporte escolar nalgunhas zonas resólvese creando as liñas necesarias para o alumnado que habita nesas zonas, a adecuación desas vías seguro que é posible de solucionar entre as diferentes administracións que teñen competencia ou, se non, será posible adecuar os vehículos ao tipo de vías polo que teñen que circular (seguro que isto non leva á quebra a ningunha empresa de transporte), e tampouco vivimos no alto do Himalaia, xa temos pistas asfaltadas en todo o rural galego», argumentan tirando de retranca.
Anpas Galegas sinala que o transporte gratuíto para asistir ao ensino obrigatorio «é un dereito de todo o alumnado galego en idade escolar» segundo a Lei orgánica 2/2006 do 3 de maio, e apunta que as características do asentamento da poboación en Galicia non son novas. De feito, considera que o problema de atención ás áreas de maior dispersión o con acceso máis complicado non é cousa das familias e hai moito que tiña que estar resolto pola Xunta: «É un problema que vostedes crearon e que vostedes teñen que resolver para garantir todos eses dereitos recoñecidos nas leis», din dirixíndose á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deporte.
Substituír esa ampliación de rutas e servizos por axudas non é solución para esta confederación de asociacións de pais e nais: «Este xeito de resolver toda a súa incapacidade de xestión tirando de cartos que non deixan de ser esmolas, é patético e tende perigosamente á privatización do ensino público». E pregúntanse con ironía: «Que vai ser o seguinte? Sacamos unha liña de axudas para que o alumnado transportado que ten dereito ao comedor escolar para que merquen un bocadillo? Como sae caro manter este servizo educativo...».
Axudas ao transporte escolar
Ata o vindeiro 23 de outubro a Consellería de Presidencia ten aberto o prazo para que o alumnado con dereito a transporte escolar que non poida facer uso dos servizos contratados pola Xunta pode solicitar unha axuda económica individual para axudar a sufragar o seu traslado ata o centro educativo. En concreto, a Administración autonómica aboará 26 céntimos por kilómetro se se emprega para o traslado un vehículo particular, e 1,25 euros por kilometro se se recurre a un taxi o un VTC. No caso de usar transporte público non escolar, recuperarase o importe desembolsado polo billete.
A medida diríxese a alumnado de segundo ciclo de Educación Infantil, primaria, secundaria, FP básica e educación especial matriculados en centros públicos, cuxos domicilios estean fóra do casco urbán e a máis de dous kilómetros de distancia do centro educativo ou da parada máis próxima. As familias deberán xustificar tamén a inexistencia de rutas ata o seu luga de residencia, dificultades de acceso por mor de condicións orográficas ou das vías de comunicación, ou necesidade de alternativas por discapacidade ou necesidades especiais.
A orde publicada no DOG do 23 de setembro argumenta a necesidade de establecer estas axudas do seguinte xeito: «A inexistencia do servizo de transporte escolar en zonas despoboadas e, consecuentemente, cunha moi escasa poboación escolar, a inadecuación das vías de acceso aos núcleos de poboación que impiden ou dificultan o emprego dos vehículos utilizados habitualmente neste tipo de servizos, a irregularidade dos horarios en que o servizo se demanda —viaxe única de ida e volta de carácter semanal—, a demanda de vehículos adaptados para permitir o emprego de cadeiras de rodas e outros elementos auxiliares dos cales se debe acompañar o alumnado aconsellan darlle cobertura ao dereito de acceso material ao ensino obrigatorio e gratuíto mediante o establecemento dunha compensación de gastos, de carácter individual, para o alumnado do ensino obrigatorio non universitario que non pode facer uso dos servizos de transporte escolar contratados».