Ven «necesario» levantar o veto da lingua propia a materias como matemáticas, pero estiman que non é suficiente
25 sep 2026 . Actualizado a las 18:14 h.A Confederación Anpas Galegas, que agrupa a máis de 450 asociacións de nais e pais da comunidade, considera «claramente insuficiente» o acordo asinado onte entre PPdeG e PSdeG para actualizar o Plan Xeral de Normalización Lingüística, especialmente no que toca ao ensino. Nese sentido, rexeitan que a lingua galega siga limitada a usarse no 50 % do horario lectivo.
Porén, ven positivo que se elimine a prohibición de impartir en galego materias como matemáticas, tecnoloxía ou física e química —«Esa limitación nunca debería ter existido», apuntan—, pero censuran que iso non supoña un aumento da presenza dese idioma nas aulas porque para que esas materias se impartan en galego, outras terán que pasar a castelán. «Cambian as materias, pero a presenza global do galego queda exactamente no mesmo sitio, sometida a unha idea de “equilibrio” que ignora que ambas as linguas parten de situacións sociais moi diferentes», expoñen dende a confederación.
Argumentan que a escola é un dos poucos espazos onde moitos nenos e nenas pode manter un contacto continuado co galego, fronte a un castelán con presenza «amplamente maioritaria» no audiovisual, nas redes, no lecer, no comercio e en boa parte das relacións sociais. Recordan, ademais, que os datos estatísticos sobre o uso de ambos idiomas en Galicia amosan «unha perda preocupante» na infancia e na mocidade, e dificultades cada vez maiores na transmisión da lingua ás novas xeracións.
«Establecer dentro dos centros unha repartición matemática entre dúas linguas que non teñen o mesmo peso social dificilmente podecontribuír a mudar a situación. O sistema educativo debería ser unha parte fundamental da resposta, non limitarse a reproducir dentro das aulas o desequilibrio que xa existe fóra delas», opinan desde Anpas Galegas, cuxa posición é defender un ensino público cen por cen en galego, agás nas linguas estranxeiras, para garantir que a lingua propia consiga no ámbito educativo o espazo que perde noutros ámbitos e favorecer que o estudantado remate con dominio pleno do galego e do castelán.
Decepción co PSdeG
Este colectivo tamén considera «un despropósito» que sexan os propios centros os que decidan que bloques de materias imparten nunha ou noutra lingua. Entenden que a política lingüística educativa non debería depender nin da dirección, nin do claustro, nin do profesorado que lle toque a cada alumno ou alumna. «A norma ten que ser clara e común para toda Galicia, porque os dereitos lingüísticos non poden variar dun centro a outro», indican nun comunicado remitido aos medios.
Xa no ámbito político, este colectivo de pais e nais declárase «profundamente decepcionado» pola pola posición do PSdeG, mentres que asegura que a posición do PP no acordo «non sorprende», dada a política lingüística que vén aplicando desde a Xunta. Dos socialistas, non obstante, din que agardaban que defendese «un cambio de rumbo e apostase por un ensino plenamente galego» como unha das ferramentas fundamentais para frear a perda de falantes. «Acordar co PP manter o 50 % supón, na práctica, aceptar como punto de partida o mesmo límite que levamos anos cuestionando», remachan.