Xunta e Goberno garanten a continuidade das clases de galego en Londres 

Sara Pérez Peral
Sara Pérez REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

<span lang= gl >O Instituto Español Vicente Cañada Blanch, en Portobello (Londres), nunha imaxe de arquivo</span>
O Instituto Español Vicente Cañada Blanch, en Portobello (Londres), nunha imaxe de arquivo SANTI GARRIDO

A consellería asumirá o pago das retribucións do docente para este curso e o ministerio sacará a concurso a praza «para a súa cobertura estable e definitiva»

17 ago 2026 . Actualizado a las 11:55 h.

Finalmente haberá clases de galego no Instituto Vicente Cañada Blanch de Londres o próximo curso logo de que a Xunta e Goberno asumiran o compromiso de manter o ensino. O subsecretario de Educación, Santiago Roura, enviou unha carta ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, na que asegura que, de cara ao curso 2027-2028, sacarán a concurso a praza dun docente «para a súa cobertura estable e definitiva». 

Actualmente estase tramitando un novo convenio de colaboración a través do cal a Xunta asumirá o pago das retribucións do docente para este curso que comeza en setembro. Dende a Consellería de Educación puxeron como condición para asumir unha «solución inmediata e transitoria» para o vindeiro curso que o Goberno garantise o futuro da ensinanza. E así será. 

Hai un mes o conselleiro Román Rodríguez enviaba unha carta á ministra de Educación transmitindo a súa preocupación e sorpresa polo risco que corría a continuidade das clases no instituto londiniense, que se remontan a finais dos anos noventa e que eran froito da colaboración entre o Goberno e a Xunta. Na misiva, pedíalle á titular de Educación que tomase as medidas necesarias para blindar o ensino. 

O problema era que non se podía renovar o convenio nos termos nos que estaba definido, segundo explicaron dende o ministerio, logo de ser informados desfavorablemente polo servizo xurídico do departamento. Neste documento, a Xunta facíase cargo do salario do profesor e o ministerio asumía o custo da correspondente indemnización por residencia no estranxeiro, «que, no Reino Unido, máis que triplica a anterior». 

A Xunta estaba disposta a asumir ese custo para o próximo curso, e o subsecretario de Educación reiteraba o visto bo do seu departamento a esa solución e pedía que a Xunta lle comunicara no prazo máis breve posible se así o faría. Para os vindeiros cursos, o ministerio traballa en incluír no concurso de provisión de destinos no exterior a previsión necesaria para prover a praza de Lingua e Literatura Galegas de forma regular e estable a partir do curso 2027-2028 no Cañada Blanch de Londres.

A materia de Lingua e Literatura Galegas forma parte da difusión no exterior da cultura e do idioma de Galicia. Ofértase no Cañada Blanch como materia optativa desde 1992, cando unha amplísima porcentaxe do alumnado do centro tiña orixe galega.