Os nacionalistas solicitaron a documentación na que se basou a actualización do Plan de Normalización
03 ago 2026 . Actualizado a las 20:36 h.Preguntado pola petición do BNG para que se fagan públicos os informes das comisións que traballan no pacto pola lingua, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, amosaba este luns, despois da reunión do seu equipo de goberno o malestar polo modo de proceder dun partido «que non quixo saber nada do pacto pola lingua e dos grupos de traballo e agora quere revisar toda a documentación dun proceso do que se botou fóra». O titular do Executivo galego animou aos nacionalistas a que deixen de enredar e se queren un pacto real pola lingua «fagan o que están facendo outros partidos, mesmo da oposición», dialogando e non fiscalizando ou reclamando un tratamento diferenciado dos demais «pensando que teñen un dereito que aos demais non lles asiste».
O presidente da Xunta insistiu en que «se simplemente queren ser controladores desde fóra, probablemente para intentar rebentar o pacto, creo que este non é o camiño». A Xunta presentou hai uns días na Cidade da Cultura a súa proposta do novo plan de normalización da lingua galega, en cuxas conversas non está a participar o BNG, aínda que si o fai o PSdeG.