Denuncian a discriminación que sufriu unha clienta por falar en galego nunha tenda de tecnoloxía en Vigo
GALICIA
A muller expón que se lle negou o dereito a usar a súa lingua e as «manobras intimidatorias» para evitar que presentase unha folla de reclamacións
04 ago 2026 . Actualizado a las 19:27 h.A Mesa pola Normalización Lingüística concentrouse este martes en Vigo para denunciar a discriminación que, segundo manifestan, sufriu unha clienta galegofalante nunha tenda de tecnoloxía da cidade. A muller denuncia que se lle negou o seu dereito a empregar o galego nese negocio e tamén sinalou as «manobras intimidatorias» que o persoal da tenda tería levado a cabo para evitar que presentase unha folla de reclamacións para expoñer o acontecido. O persoal da tenda, consultado por EFE, declinou facer declaracións ao respecto.
Segundo detalla a entidade, a situación produciuse nun establecemento da cadea K-Tuin localizado na rúa Príncipe, no centro da cidade olívica. «Trátase dunha vulneración clara dos dereitos lingüísticos», afirma a vicepresidenta da Mesa, Elsa Quintas. Para Quintas, o sufrido por esa clienta demostra «o vulnerables que somos como clientes, como consumidores e como cidadáns ante este tipo de agresións». Tamén lembra que o feito de que un dependente non fale galego non implica que un cliente non poida empregar a súa lingua. «Se a persoa que nos atende nun establecemento privado é incapaz de comprender o galego debe ofrecer a opción de ser atendida por alguén que o entenda», explica.
A muller afectada expuxo a situación que sufriu nunha comunicación enviada a través da plataforma A Liña do Galego, unha aplicación posta en marcha pola Mesa para denunciar agravios e discriminacións por empregar ou defender a lingua galega. Dende a entidade lembran que se trata dun servizo gratuíto dirixido a toda a poboación e que está pensado para que se tramiten queixas «cara a institucións ou empresas que vulneran os dereitos lingüísticos».
Dende a xerencia do local non quixeron emitir ningún apuntamento do sucedido, limítanse a asegurar que a denuncia é falsa. A entidade non realizou ningún tipo de comunicado ó respecto ó longo do día sobre o motivo da denuncia nin das manifestacións desta mañá.