Desde o ano 2020, a Xunta leva retirados máis de 155.000 avespeiros
02 ago 2026 . Actualizado a las 04:00 h.«Estamos diante dun verán especialmente intenso, cun incremento excepcional de avisos pola velutina». Advírteo Natalia Prieto, a directora xeral de Administración Local, o departamento da Xunta que coordina a retirada de niños de avespa asiática en Galicia. E avala con datos esa afirmación. Entre o 1 de xaneiro e o 26 de xullo recibíronse máis de 20.300 avisos pola presenza de avespeiros ou insectos desta especie invasora. É practicamente o dobre que entre as mesmas datas do ano pasado. Pero hai máis. O mes de xuño practicamente triplicou as alertas do sexto mes do 2025. Recibíronse 7.200 en só trinta días. E xullo ameaza con superalo, con catro semanas seguidas con máis de 2.000 avisos semanais.
Confírmase así a sensación transmitida por agricultores e apicultores, e tamén os temores xurdidos pola primavera de boas temperaturas e o cálido verán que está a vivir a comunidade. «Houbo un fin de inverno e unha primavera bastante suaves, que é cando as velutinas saen da hibernación e crean os primeiros niños primarios. Se tivesen unhas condicións máis frías, menos agradables á hora de emprazar o niño, a cousa sería distinta», comenta Martín Martínez, xerente de Seaga, a empresa pública que ten encomendada a retirada dos avespeiros nos 313 concellos galegos, a través do mecanismo creado no ano 2020 para conseguir unha actuación unificada e coordinada en toda Galicia.
Engade que estes insectos precisan humidade, alimento e temperatura, que están a atopar grazas a un atípico verán de termómetros disparados, moita evaporación de auga e poucas precipitacións. No que toca ao alimento, buscan frutosa e proteína. A primeira obtéñena nas árbores froiteiras. A segunda, comendo outros insectos. De aí vén a grave ameaza que supoñen para as abellas autóctonas, ás que atacan para alimentar as larvas, primeiro, manter a actividade da colonia, despois, e máis tarde, para se reproducir antes de volver hibernar.
Xuño e xullo adoitan ser os meses con máis avisos por avistamento, conta Marcos Araújo, xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), involucrada tamén no dispositivo de retirada. Por unha banda, coincide co momento de máis actividade das avespas asiáticas. Por outra, o bo tempo anima os cidadáns a saír, polo que é máis fácil que detecten a súa presenza e dean alerta. Ámbolos dous factores estanse a combinar este ano, e poden explicar o aumento de avisos.
A maior porcentaxe chega desde zonas de costa e desde contornas urbanas. «Son áreas máis poboadas, polo que é máis fácil que a xente vexa os niños e avise», explica Natalia Prieto. Con todo, ao longo do tempo os avisos fóronse estendendo por toda a comunidade. De feito, desde o ano 2020, cando se iniciou o dispositivo coordinado, lévanse retirado en Galicia máis de 155.00 niños de velutina. Isto supón, entre outras cousas, que a Xunta conta cunha espectacular base de datos: avance da distribución dos niños, características destes, ubicación, fotografías... Información moi útil para investigadores de todo o mundo, que cada ano solicitan acceso a estes datos, o que permite avanzar no coñecemento da especie e no seu control. Porque tal e como di Prieto, a súa erradicación non semella xa posible, pero si mellorar a convivencia con ela e reducir o seu impacto natural.
Así funciona o modelo galego, pioneiro en España
Galicia ten un plan centralizado para a retirada de niños de velutina: «A clave do modelo galego é ter un protocolo único de actuación en todo o territorio, coordinando a todas as administracións e todos os recursos; é único en España, somos un referente», di a directora xeral.
Ese protocolo ponse en marcha ante calquera aviso ao 012. Os operadores recadan a información para clasificar o niño: onde está, o tamaño, se hai risco para as persoas... Decídese entón se o caso pasa a Seaga ou á Axega. «No 112 chamamos velutinas de emerxencia a aquelas que se atopan en edificios singulares ou de pública concorrencia: garderías, colexios, centros de saúde, igrexas, centros sociais, teatros... Tamén son avisos prioritarios os que impiden o paso a vivendas particulares, por exemplo, estando nunha porta», explica o xerente. Actívanse entón os servizos de emerxencias, como GES, bombeiros, Protección Civil ou mesmo Policía Local. O obxectivo é desactivalo canto antes, incluso, se pode ser, no mesmo día.
Se non é un aviso prioritario, a información pasa a Seaga. Un técnico encárgase de asignar aos axentes unha ruta de traballo, e estes reciben nos seus dispositivos toda a información sobre a alerta. Logo desprázanse ata o punto, analizan a situación, deciden o método de actuación e avisan o alertante de que van actuar. Se o niño está a man, aplícaselle o biocida directamente cun aerosol. Se está en altura, úsanse unhas pértegas, coas que tamén se pode retirar. E se está moi alto, empregan carabinas de aire comprimido, chamadas marcadoras, que introducen proxectís con veleno no avespeiro, matando a todos os insectos en pouco tempo. Todo queda rexistrado nunha aplicación. Os datos recadados un ano guían o trampeo da tempada seguinte, co que se tenta capturar a maior cantidade posible de raíñas antes de que formen niños.
O tempo medio para retirar un avespeiro non prioritario é de cinco días hábiles, aínda que hai tempadas do ano nas que se consegue baixar a dous. Mais non todos os casos son iguais. Os máis difíciles son aqueles nos que se ven os insectos, pero non o niño. «Hai que localizalo e pode estar nunha cheminea, na cámara de ventilación dunha fachada, baixo as tellas...», di Marcos Araújo. Outro atranco dáse cando o avespeiro está nunha propiedade particular, pero non se atopa ao dono para pedir acceso. «Somos o único dispositivo público en todo o Estado español que retira de xeito gratuíto niños en vivendas particulares ou propiedades privadas», recorda Natalia Prieto.
Ante o aumento de avisos, este ano estanse a realizar contratacións de reforzo. Neste momento, Seaga conta con máis de 60 equipos de traballo, incluídas empresas externas especializadas.
Unha especie que non é agresiva cos humanos, pero ataca cando se ve en perigo
Os galegos estanse acostumando a convivir coa velutina. «Cando apareceron os primeiros exemplares, as chamadas que recibiamos na Xunta eran de pánico absoluto. Agora xa é unha especie coa que convivimos, que non é máis perigosa que unha avespa normal para o común da poboación», di Natalia Prieto. Explica que os cidadáns tamén están máis informados, e saben que se ven un niño, deben avisar no teléfono 012 —que ampliou o seu funcionamento de luns a domingo, festivos incluídos, de 08.00 a 20.00 horas— ou a través do chatbot activo 24 horas, 365 días ao ano. Axúdase así na loita contra un insecto que si ten importantes efectos económicos e sobre a biodiversidade.
Como debe actuar unha persoa que atope un niño? «O principal é que non entre en pánico e que se afaste do niño, ou dos insectos. Despois, dar aviso ao 012 con toda a información que lle pidan para clasificalo e erradicalo o antes posible. É moi importante non tocar nin golpear o niño, porque no momento en que se golpea, a avespa séntese atacada e é cando reacciona. Tampouco se debe tentar sacar o niño polos medios propios, deben quitalo profesionais, que teñen equipos de protección individual, ferramentas e formación. E ollo ao desbrozar a man, porque agora aniñan tamén no chan. Hai que mover a vexetación antes, e, se saen avespas, retirarnos ou pode haber un ataque con múltiples picaduras», explica o xerente de Seaga.