O BNG quere a documentación das comisións de expertos nas que se basou a actualización do Plan de Normalización
GALICIA
Denuncia «opacidade total» da Xunta, asegurando que o PP oculta a relación das persoas que participaron nas comisións de traballo
02 ago 2026 . Actualizado a las 19:26 h.O BNG quere que a Xunta remita ao Parlamento toda a documentación elaborada polas once comisións de expertos que participaron no Pacto pola Lingua e que serviu de base para a proposta de actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua que o Goberno galego presentou a mediados de xullo. Entenden os nacionalistas que se trata dunha «información esencial» e denuncian o que consideran unha «total opacidade» do Goberno galego.
«Queremos ter acceso a toda a documentación elaborada polas comisións de expertos, unha información que o goberno do PP mantén oculta e desde o BNG preguntámonos por que esa falta de transparencia, que ten que agochar o Partido Popular?», sinalou a portavoz parlamentaria de Lingua do BNG, Iria Taibo.
Ante iso, os nacionalistas apelan ao artigo 9 do regulamento do Parlamento, coa fin de obter acceso a eses documentos. «Estamos falando nada menos que da documentación que supostamente serviu de base para actualizar o Plan Xeral de Normalización Lingüística, unha información que o PP esconde baixo sete chaves. Pedimos luz e taquígrafos e que a Xunta envíe ao Parlamento esa documentación de inmediato», insistiu Taibo.
O Bloque tamén considera «inexplicable» que o Goberno do PP «oculte» a relación das persoas expertas que participaron nas comisións de traballo. Fronte a isto, contrapoñen o sucedido co Plan Xeral de Normalización Lingüística do 2004, aprobado sendo Manuel Fraga presidente da Xunta. Este documento, recordan, ten no seu inicio unha enumeración detallada dos especialistas que participaron nas sete comisións sectoriais que se crearon, e tamén de todas as persoas que fixeron achegas a través de entrevistas.
Segundo o BNG, o Goberno de Rueda estaría a ocultar tanto a documentación elaborada polas comisións de traballo como a composicións de ditas comisións, algo que considera unha «falta de transparencia absoluta», cuxo motivo non alcanza a entender a formación nacionalista.