As clases de galego no instituto español de Londres, no aire á espera dun acordo entre Goberno e Xunta
GALICIA
O ministerio asegura que non vai introducir o catalán e a Xunta insiste en que asumiría o custo do profesor xa dende este curso
28 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A semana pasada, o conselleiro de Educación envioulle unha carta á ministra do ramo para pedirlle que buscase unha solución para seguir impartindo as clases de Lingua e Literatura Galega no Instituto Vicente Cañada Blanch de Londres. Román Rodríguez reaccionaba «con preocupación» á decisión do Goberno de non renovar o convenio para seguir ofrecendo a materia e deixaba caer a información de que o próximo curso se introduciría o catalán no centro. Dende o Ministerio de Educación defenden agora que non hai vontade de suprimir as clases de galego no Reino Unido: «Bien al contrario, el ministerio está firmemente comprometido con mantenerla», din, dando conta das máis de tres décadas de percorrido e a «consecuente inversión económica y presupuestaria que se ha realizado».
Explican que logo de saber que non podían renovar o convenio nos termos nos que estaba definido, logo de ser informados desfavorablemente polo servizo xurídico do departamento, falaron coa Xunta «mostrando la máxima disponibilidad para encontrar alternativas sostenibles que ofrezcan garantías de continuidad en el plano jurídico y educativo». Pero, polo momento, parece que Goberno e Xunta non chegaron a un acordo que garanta as clases de galego para o próximo curso. Dende a Consellería de Educación aseguran que lles pediron unha solución ou reconsideración «que nunca chegou, polo menos ata o momento». Apuntan tamén que chegaron a dicirlle ao profesor «que non lle renovaban e que tiña que marchar».
Gastos do profesor
Precisamente o custo do docente foi unha das cuestións que debateron ministerio e consellería. A Xunta chegou a propoñer asumir eses cartos, algo que confirman dende o Goberno: «Es una opción que ha estado encima de la mesa y que el ministerio ha tenido la voluntad de explorar. No obstante, la Xunta ha trasladado la imposibilidad de asumir este gasto para el curso académico 2026-2027».
Dende a consellería desmenten este extremo e insisten na vontade de asumir o custo. «Nós sempre nos ofrecemos a pagar o profesor, pero nunca obtivemos resposta, de aí que se enviara unha carta formal», afirman. E instan ao Goberno a asinar o documento: «Se están dispostos a continuar con esta colaboración, que asinen o convenio como ata agora, como se vén facendo desde hai máis de trinta anos».
Unha das polémicas que apuntaran dende o departamento galego era a posibilidade de que o Goberno retirara as clases de galego para introducir as de catalán, como se chegara a publicar. Non obstante, dende o ministerio desmenten tal cousa: «No se ha planteado la enseñanza del catalán en el centro educativo de Londres y mucho menos como una suerte de “sustitución” de la enseñanza de una lengua por otra».
A posibilidade de que se deixe de impartir galego no centro de Portobello Road tivo reacción de partidos políticos e sindicatos, que criticaron a decisión do Goberno. Dende o BNG, o deputado no Congreso Néstor Rego, pediu ao ministerio que dea marcha atrás porque o ensino da lingua é «un dereito». Tamén o grupo Sumar pide un cambio de postura, ao «contradicir a plurinacionalidade que di defender o propio Goberno». Pola parte do Sindicato de Traballadores do Ensino de Galiza, lamentan que se trata «dun gran paso atrás para todos os galegos», amais de criticar a falta de apoio da Xunta na promoción da lingua.