O presidente da RAG pide diálogo político para garantir o futuro do galego: «Non busquen desculpas»
GALICIA
Monteagudo referiuse á ausencia do BNG no primeiro dos encontros entre os grupos parlamentarios sobre o Plan Xeral de Normalización Lingüística
24 jul 2026 . Actualizado a las 17:11 h.Esta semana, os grupos parlamentarios estaban convocados ao primeiro dos encontros que se celebrarán para debater o documento presentado pola Xunta para actualizar o Plan Xeral de Normalización Lingüística. Á reunión asistiron todos menos os nacionalistas, que se negaron a participar nunha «cerimonia propagandística» e analizar un pacto que «trae medidas de rebaixa para o galego». Así o subliñou a deputada Noa Presas, que volveu insistir na petición do BNG de que a súa portavoz nacional, Ana Pontón, se reunise co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nun «cara a cara» para falar «en serio».
Esa falta de consenso non gustou ao presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, que este venres fixo de altofalante da sociedade galega e instou aos gobernantes e dirixentes políticos «a que se poñan de acordo, se senten, falen e non busquen desculpas para non dialogar e non chegar a acordos fundamentais que garantan o futuro do galego». Fíxoo «falando máis da conta», durante a súa intervención na clausura dos cursos de lingua e cultura galegas Galego sen Fronteiras, na que tamén participou o secretario xeral da Lingua, Valentín García, a quen lle transmitiu ese sentimento que, segundo asegurou, está recollendo «de moita xente».
Monteagudo dirixiuse directamente ao secretario xeral da Lingua, quen foi o seu alumno: «É necesario e imprescindible que teñades unha actitude de falar entre as distintas opcións e partidos políticos porque tendes que porvos de acordo para sentar as bases que nos permitan contemplar o futuro da lingua cun pouco máis de tranquilidade que a que temos hoxe».
Para o presidente da Academia, hai «un clamor» para que as forzas políticas dialoguen e cheguen a acordos para garantir a continuidade dunha lingua que, segundo advertiu, está en risco. Na entrega de diplomas aos máis de sesenta alumnos procedentes de 17 países de Europa, América e Asia, Monteagudo apuntou os problemas e cargas que nos impón unha lingua minorizada como o galego. «É un problema constante para vivir e desenvolvernos no noso idioma», afirmou.
Corenta anos de Galego sen Fronteiras
Dende o ano 1988, cada verán Santiago acolle a persoas de todo o mundo interesadas en se mergullar na lingua galega grazas á proposta de Galego sen Fronteiras, unha iniciativa que organiza a Academia en colaboración co Instituto da Lingua Galega da USC e co apoio da Deputación da Coruña e a Xunta. «Esta experiencia é unha oportunidade de diálogo intercultural, e isto é algo especialmente valioso nun momento en que se está a fomentar o descoñecemento e o rexeitamento do estranxeiro, o pecharse cadaquén na súa cultura e o desprezo polas minorías», dixo Henrique Monteagudo.
O presidente da RAG foi docente das primeiras edicións do programa, polo que xa pasaron arredor de tres mil persoas, e tamén o creador do seu lema. A vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio, Ana Cabana Iglesias, que tamén participou no acto de clausura, destacou a «dimensión internacional da lingua galega» que promoven os cursos e a súa contribución ao fomento da diversidade. «O galego é unha lingua de cultura, de creación e coñecemento. Conéctanos cunha comunidade histórica e cun patrimonio extraordinariamente rico, pero é tamén unha lingua plenamente válida para afrontar os desafíos do presente e do futuro», dixo.