Besteiro celebrará o 25 de xullo en Bos Aires para reivindicar unha Galicia «inseparable da súa emigración»
GALICIA
O acto formará parte da viaxe que o líder dos socialistas galegos fará por Arxentina e Uruguai do 21 ao 28 deste mes
17 jul 2026 . Actualizado a las 11:31 h.O PSdeG volverá conmemorar o vindeiro 25 de xullo, Día Nacional de Galicia, cun acto en Rianxo, vila natal do artista e político Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, como vén facendo desde hai varios anos. Porén, desta volta a novidade é que a intervención do líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, farase desde Bos Aires. «Besteiro falará desde a cidade na que faleceu Castelao e desde a que defendeu unha Galicia democrática cando facelo dentro do país significaba persecución e silencio», explicou este venres a secretaria de Organización do partido, Lara Méndez.
O acto formará parte da axenda que o secretario xeral do PSdeG desenvolverá durante a sua viaxe a Arxentina e Uruguai, que se prolongará desde o vindeiro 21 de xullo ata o día 28. Durante esa semana, a axenda incluirá xuntanzas con galegas e galegos da diáspora, descendentes da emigración e representantes dos centros galegos. Besteiro tamén manterá encontros con distintas personalidades políticas e institucionais dos dous países, como o ministro de Goberno da Provincia de Bos Aires, Carlos Blanco, ou dirixentes do Frente Amplio uruguaio, afondando na alianza entre as forzas progresistas galegas, españolas e latinoamericanas.
«Queremos reforzar os lazos entre Galicia e América Latina desde unha visión compartida de dereitos, progreso e apertura ao mundo», explicou Lara Méndez. Engadiu que a viaxe do líder socialista tamén servirá para explorar novas oportunidades de cooperación política, cultural e económica entre Galicia e América Latina, abordando as posibilidades abertas polo acordo entre a Unión Europea e o Mercosur. Ademais, incluirá un percorrido pola memoria de grandes figuras galegas do exilio que converteron Bos Aires na gran capital cultural de Galicia durante os anos da ditadura, como Castelao, Luís Seoane ou Xosé Neira Vilas.
Acto do Día de Galicia
Volvendo ao 25 de xullo, facer coincidir a celebración socialista en Rianxo coa intervención de Besteiro en Bos Aires, o PSdeG pretende «unir simbolicamente» ambos lugares, así como a Galicia do exilio e a Galicia de hoxe. En palabras de Méndez, enlazarán «a vila na que naceu Castelao coa cidade desde a que mantivo viva a esperanza dunha Galicia democrática».
Pero ademais, os socialistas galegos tamén queren reivindicar para Galicia «unha identidade aberta, progresista e inseparable da súa emigracion», especialmente nun momento que cualifican de «histórico» por vir de aprobarse e aplicarse por parte do Goberno central do PSOE a coñecida como Lei de Netos. «Permitimos que miles de descendentes da emigración recuperasen un dereito e reforzasen os seus vínculos con Galicia», resaltou Lara Méndez, apuntando que a norma non contou cos votos favorables nin do PP nin do BNG. A secretaria de Organización consideru que esta lei supón unha «reparación histórica» e defendeu a necesidade de seguir ampliando os dereitos da diáspora galega, así como a súa participacion na vida política, social e cultural do país.