A grandiosidade da lingua deixou pequena a sala

j. n. SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

O museo Gaiás acolleu este mércores a presentación da actualización do plan de normalización lingüística que promoveu a Xunta
O museo Gaiás acolleu este mércores a presentación da actualización do plan de normalización lingüística que promoveu a Xunta XOAN A. SOLER

Que a sala do Museo Gaiás que acolleu a presentación do plan de normalización quedou pequena é algo que comentaban os asistentes ao acto, e tamén Esther Estévez e Xosé Antonio Touriñán, mestres de cerimonia dunha gala que inaugurou 9Louro. O artista de Muros, fenómeno de masas entre a mocidade, puxo a bailar o público co seu seseo e co seu estilo desenfadado que demostra que o galego non entende de xéneros musicais.

Tampouco de nacionalidades, como ben evidenciou o poeta Simón Rodríguez. O coñecido en redes coma o galego de Caracas recitou un poema e ergueuse como representante de toda a diáspora venezolana nun país, Galicia, que o arroupou tanto como o fixo a súa lingua. Na pantalla, unha bandeira venezolana ondeaba ao ritmo doutra galega.

«A min xa me teñen preguntado de onde saco este acento», dicía pouco despois o empresario chinés Peine Lin provocando as gargalladas de todo os asistentes. Lin repasou algunha das situacións que viviu falando galego e deu paso a Cliona Vaughan, unha das alumnas dos cursos de verán que imparten a RAG e a USC e que acollen estudantes dunha vintena de nacionalidades. Cliona contou como empezou a estudar galego na Universidade de Oxford e salientou a importancia de iniciativas como as que estenden a aprendizaxe do galego entre os estranxeiros nos diferentes centros de estudos que se reparten por todo o planeta.

Un ágape diverso

«Sempre me sorprendeu que se me cuestionase nalgúns ámbitos por falar en galego», comentaba a cantante e presentadora Fátima Pego, que lembrou que o galego a acompañou sempre, «dende ben pequena e con toda a súa familia».

Entre as personalidades que a escoitaron, e que tamén atenderon á intervención da produtora Zaza Ceballos, estaba unha representación de toda a sociedade que se repartiu despois no ágape, con cortador de xamón e con outros aperitivos que tiveron ocasión de degustar. Entre outros moitos, estiveron alí o triatleta Iván Raña, o físico e investigador Jorge Mira ou os presentadores Alba Mancebo, Fran Cañotas ou Roberto Vilar. Todos arredor dun acto que, 22 anos despois, evidenciou a unidade social arredor da lingua.