Pontón define como «propaganda» a proposta da Xunta para acadar un pacto polo galego

La Voz REDACCIÓN

GALICIA

Ana Pontón, no pleno.
Ana Pontón, no pleno. Sandra Alonso

Critica que Rueda siga mantendo o decreto do plurilingüismo e que se confirme como o presidente «do non ao galego»

15 jul 2026 . Actualizado a las 17:29 h.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou de «acto de propaganda» a presentación do novo plan de normalización lingüística e criticou que Rueda se confirma como «o presidente do ''non ao galego''». Tampouco considera que o Goberno galego estea a promover un pacto pola lingua, senón un acto para tapar «17 anos de políticas contra o galego».

A proba de que todo seguirá igual, a xuízo da voceira nacionalista, é que se manteña o decreto do plurilingüismo do 2010 que limita o uso do galego no ensino e que se siga «coa mesma engranaxe que situou o galego como a única lingua que perde falantes». Para Pontón, Rueda érguese como o presidente do «non ao galego, a lingua propia deste país».

En relación a ese decreto, os nacionalistas censuran que os populares «estanlle roubando aos nenos e nenas o dereito a aprender a lingua propia e a liberdade para falala», un feito que atribúe aos 17 anos de goberno do PP e ao uso que fixo das institucións «para atacar a lingua que nos une a todfos os galegos e galegas».

Pontón, ademais, botou man dos datos da Real Academia Galega, do IGE e do Consello da Cultura Galega sobre os resultados do que define como decreto da vergoña. «Un de cada dous mozos e mozas educadas baixo este decreto non usa nunca o galego, só o 7% fala galego sempre, a metade que en 2008 e, o máis grave, un de cada tres non sabe falalo. Ademais, o galego é hoxe a única lingua do Estado que perde falantes», puntualizaron.