A Mesa considera que a proposta do novo plan de normalización «é inferior á do 2004»
GALICIA
Marcos Maceira invita á Xunta a atender «a proposta da sociedade para reverter a emerxencia» que sofre o galego
15 jul 2026 . Actualizado a las 17:40 h.Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, asegurou este mércores que a modificación do plan de normalización lingüistica presentada esta mañá pola Xunta «é inferior ao xa aprobado unanimamente no plan do 2004». Para Marcos Maceira, non hai ningunha proposta de desenvolvemento ou modificacións legais que aseguren o que xa está na lei actual e no plan que estivo en vigor ata agora e que o documento «insiste na deserción por parte da Xunta das súas obrigas e responsabilidade e non enfronta a emerxencia lingüística».
O responsable da Mesa pola Normalización Lingüística tamén coida que o Goberno galego mantén a mesma política lingüística «en ámbitos como o ensino», mantendo como elemento fundamental os límites á docencia en galego. «Nin menciona rectificar as normas contra o galego aprobadas nesta mesma lexislatura», engade Marcos Maceira antes de criticar que esta actualización presentada este mércores non garante «a posibilidade de vivir en galego contando co apoio das institucións e o amparo da lei» tal e como procuraba o plan do 2004 que agora se procura actualiza. Non obstante, Marcos Maceira coida que o Goberno galego ten diante unha oportunidade e que a sociedade galega «elaborou unha proposta que se debe atender para reverter a emerxencia lingüística».