Estudantes da India, Uzbequistán ou Xamaica comezan este venres os cursos de galego da RAG e a USC

La Voz REDACCIÓN

GALICIA

Alumnos dos cursos de galego da RAG e a USC, nunha imaxe de arquivo.
Alumnos dos cursos de galego da RAG e a USC, nunha imaxe de arquivo. XOAN A. SOLER

Durante tres semanas terán a oportunidade de recibir clases teóricas e prácticas, mais tamén conferencias e obradoiros de música tradicional

02 jul 2026 . Actualizado a las 17:23 h.

Estudantes dunha vintena de nacionalidades, entre as que están a India, Uzbequistán ou Xamaica, comezan este venres en Santiago os cursos de lingua e cultura «Galego sen fronteiras» que organizan a Universidade de Santiago (USC) e a Real Academia Galega (RAG) co apoio da Xunta e da Deputación da Coruña. Durante tres semanas, os estudantes terán a oportunidade de recibir clases teóricas e prácticas de galego, mais tamén conferencias e obradoiros de música tradicional para coñecer de preto a cultura do país.

A recepción dos estudantes terá lugar este venres ás 13.00 horas no salón de actos da Facultade de Filosofía de Santiago. Alí estará o presidente da RAG, Henrique Monteagudo, e tamén a académica María López-Sánchez, directora dos cursos. Acompañaranos Valentín García, secretario xeral da Lingua, a directora do ILG Elisa Fernández Rei e a vicerreitora de Estudantes, Igualdade, Diversidade e Benestar, Lorena Añón.

Nesta convocatoria os cursos contarán con estudantes de tres continentes, procedentes de Alemaña, a Arxentina, o Brasil, o Reino Unido, Chequia, Colombia, Cuba, os Estados Unidos, Hungría, a India, Italia, Polonia, Portugal, Rusa, Suiza, Uzbequistán e Xamaica. Acompañaranos estudantres doutras comunidades autónomas españolas. O programa dos cursos exténdese ata o vindeiro 24 de xullo.