Bruxelas promove un billete único de tren para viaxes por Europa e que as operadoras vendan tíckets da competencia

José G. Santalla
José G. Santalla BRUXELAS / E. LA VOZ

GALICIA

Trenes en la estación de Santiago
Trenes en la estación de Santiago SANDRA ALONSO

A Comisión está preocupada pola alta fragmentación da oferta ferroviaria

13 may 2026 . Actualizado a las 18:29 h.

Un pasaxeiro, un billete, tódolos dereitos. Esta é a premisa da Comisión Europea para a proposta de simplificación na compra de billetes de tren en viaxes transeuropeas. Así, o Executivo comunitario quere facilitar as viaxes en tren entre Estados membros garantindo os dereitos dos pasaxeiros e incluíndo tódalas opcións na mesma plataforma. O tren considérase fundamental na descarbonización e conectividade do transporte europeo de mercadorías e pasaxeiros, pero neste segundo eido a oferta continua a estar moi fragmentada para os usuarios. Agora mesmo é preciso facer reservas separadas, deixando moitas veces aos pasaxeiros desprotexidos fronte a atrasos ou cancelacións. Amais, as alternativas complícanse polos diversos funcionamentos deste medio de transporte; mentres que España ten un sistema ríxido de viaxes nun horario específico, Alemaña ou Bélxica amosan flexibilidade ao longo do día.

Tendo isto en conta, a Comisión quere facer posible agrupar todos os trens dunha viaxe nun mesmo billete e proceso de compra con todos os dereitos garantidos fronte a atrasos e cancelacións en calquera punto do traxecto. Así, as persoas afectadas non só terían o dereito de ser redirixidas ao seu destino sen mercar outra viaxe, tamén a unha compensación polo atraso global.

O Executivo comunitario tamén busca igualar as condicións dun mercado, apuntan, con pouca transparencia. «No mercado ferroviario, os servizos de venda de billetes máis populares son de operadores cun interese en limitar a visibilidade dos seus competidores», explica a Comisión, o que produce unha oferta incompleta e dificultades innecesarias para os usuarios. Por iso, tódolos operadores cunha cota de mercado superior ao 50% deberán amosar as ofertas doutras empresas. En España, Renfe move o 72% dos pasaxeiros, segundo datos da CNMC. De saír adiante a lei, a empresa pública debería incluír nos seus servizos a posibilidade de mercar viaxes de Ouigo ou Iryo.

Esta proposta tería, por agora, pouco impacto en Galicia. Renfe é o único operador para Galicia pola complexidade do largo de vía ibérico para as competidoras privadas, que por agora non contan con vehículos de largo variable. No relativo aos trens internacionais, Galicia só está directamente conectada ao estranxeiro con Portugal polo Tren Celta e, para chegar ata Francia, hai que viaxar dende Madrid ou coller o Alvia catalán, que tarda ata 14 horas de Vigo ata Barcelona-Sants.