FP Innova 2026: Cestería, drons, robots ou madalenas, a FP galega innova en todas as áreas

GALICIA

Xoán A. Soler

Máis de 70 iniciativas de 38 centros educativos amosan o enxeño crecente que hai nos ciclos da comunidade

26 jun 2026 . Actualizado a las 17:15 h.

«¡Qué barbaridad, qué bueno!» Así de entusiasmada sae unha moza logo de ver e probar en directo como funciona a cabina dun DJ ou como se programan os xogos de luces e vídeos que completan o espectáculo. Na entrada da aula amoréanse un lote de rapaces que queren atravesar as cortinas negras e entrar á demostración que comandan alumnos do ciclo de Vídeo dis-jockey e son do IES Xelmírez 1 de Santiago. A poucos metros, Sandra xa esgotou a primeira serie de doces que levou como mostra da repostería quilómetro cero que fai no negocio que montou á calor do viveiro de empresas do CIFP Carlos Oroza (Pontevedra). Mentres, na planta de abaixo, un robot bípedo humanoide pasea entre os visitantes da feira de innovación educativa máis grande de Galicia, cedendo o paso cortesmente.

O museo da Cidade da Cultura bulía de actividade na mañá de onte, igual que o fará hoxe e mañá coa oitava edición do FP Innova 26. Máis de 70 iniciativas de innovación e emprendemento repártense por un espazo de 4.100 metros cadrados polos que circulan centos de estudantes de primaria, secundaria ou bacharelato, e tamén de Formación Profesional, que comproban a imaxinación e o talento que teñen os seus compañeiros e profesores. Os simuladores son o máis demandado. Un deles, chamado Birdly, permite experimentar a sensación de voar sobre os rañaceos de Nova York dirixindo a máquina cos movementos do corpo e meténdose no escenario grazas a unhas gafas virtuais. A expectación é moita, e saen da experiencia con bo sabor de boca.

Tamén hai que agardar un bo anaco ata que un dos estudantes do ciclo de Aeromecánica do CIFP As Mercedes de Lugo pode parar a explicar en que consiste o proxecto para o que están a facer cola ducias de rapaces. «Van pilotar unha avioneta. Aproveitamos a estrutura dun avión experimental que nunca chegou a voar e deseñamos todo o demais. Podemos simular todo tipo de situacións: despegues, aterraxes, avarías, calquera tipo de configuración meteorolóxica, sexa néboa, distintos tipos de vento...», detalla Xavier Conde, alumno de primeiro ano.

Aeronaves, pero neste caso non pilotadas, son tamén parte fundamental da proposta que lidera o CIFP Manuel Antonio de Vigo. Coa participación de oito centros e seis familias profesionais distintas, idearon o proxecto Voa Comida para levar menús equilibrados a zonas de difícil acceso, empregando ademais envases sostibles. As propostas saudables encargaríanse a través dunha web, e os drons levarían o pedido ata o lugar elixido, sexa unha vivenda dunha zona rural illada, sexa un evento ao aire libre. «Ao alumnado encantoulle participar, saíron da súa zona de confort e comprobaron que dos ciclos de FP saen proxectos reais», comenta o profesor Óscar Álvarez.

Nesta feira os estudantes non só amosan o seu enxeño. Tamén as súas capacidades comunicativas. Con total desenvoltura, Anxo Silva, estudante de Carpintaría e Moble que nin sequera chegou á maioría de idade, capta a atención dos visitantes que pasan diante do stand do IES Antón Losada da Estrada, e explícalle ao propio conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, como reutilizaron cascas de castañas para elaborar taboleiro e, con el, distintos tipos de mobles.

Mobiliario feito con taboleiros de casca de castaña e casca de arroz elaborado polo IES Anton Losada, da Estrada
Mobiliario feito con taboleiros de casca de castaña e casca de arroz elaborado polo IES Anton Losada, da Estrada XOAN A. SOLER

Alejandro, Aaron e Hugo, alumnos do ciclo superior de Automoción, tampouco teñen ningún problema para presentar o vehículo de kartcross eléctrico que deseñaron no CIFP Ferrolterra. «Es más verde que uno de combustión convencional y con una respuesta más ágil. Tiene un par mucho mayor, pero también pesa mas y el uso está más limitado por la duración de la batería, aunque tiene carga rápida», resumen entre todos.

Contornas virtuais

A realidade virtual tamén ten moita presenza no evento. O CIFP Politécnico de Lugo, por exemplo, emprégaa no seu proxecto Rexuben, no que deseñaron unha aplicación para que persoas maiores ou con déficit funcional non abandonen as terapias de movemento que teñen que facer por aburrimento. «Gamificámolas. Usamos realidade mixta e gafas de realidade virtual para proxectar no seu propio salón un escenario, por exemplo, un galiñeiro. Para adestrar brazos, pernas ou mobilizar a columna teñen que recoller ovos e colocalos en certos sitios. E queremos seguir mellorándoo, de xeito que a voz que lles explique os exercicios poida ser a dun familiar, ou que a aplicación poida enviar datos ao fisioterapeuta que siga a evolución do paciente», explica Rocío Legazpi, unha das profesoras que coordinou esta iniciativa conxunta do ciclo de TCAE e o de Automatizacion e Robótica Industrial.

Pero non toda a innovación ten que ver con drons, robots ou aparellos que parecen sacados do futuro. Dende o mesmo centro de Lugo, pero con orixe na familia de Madeira, moble e cortiza, amosan como o máis moderno pode ser recuperar a tradición. «Aplicamos técnicas e deseños da cestería e do téxtil para construír, por exemplo, bastidores que se converten en estantes ou mesas, asentos ou lámpadas. Trátase de abrir saídas profesionais aos rapaces dando novos usos a técnicas tradicionais», comentan as profesores que coordinan o posto, rodeadas de mobles e pezas que non desentoarían en absoluto nos máis modernos negocios de deseño de interiores. Na súa proposta contaron coa colaboración da artesá galega Idoia Cuesta.

Xusto enriba delas, na planta superior, ten o seu oco o Centro de Educación Especial Santa María. Presentan o seu proxecto de emprendemento Florecendo, que gañou o terceiro premio no programa Lanzadeiras. Unha das alumnas, Jenni, dirixe un taller no que explica cómo empregar os jiffys, pequenos bloques de turba prensada para sementar unha planta. A preparación destes pequenos kits de cultivo e a elaboración de testos con madeira reciclada é a base da miniempresa deseñada por este centro lucense. «Podemos parecer pouco tecnolóxicos comparados co resto, pero ver aquí a estes rapaces, facéndoo todo incriblemente ben, é marabilloso», din orgullosas as profesoras.

Castañas, malta e mexillóns

Baseándose en dous produtos, as castañas e a malta de cervexa, o IES 12 de Outubro de Ourense elaborou dúas completas liñas de cosméticos que só empregan ingredientes cen por cen naturais. Ademais, deseñaron un ritual de aplicación que comeza cunha infusión e que alumnas do ciclo superior de Estética Integral e Benestar amosaron na propia feira. Pero ademais, coa idea de que todo o proxecto fose máis sostible, pediron a colaboración dos compañeiros da familia de Fabricación Mecánica do centro para que deseñaran as embalaxes. «Queríamos que fuesen reutilizables, y al acabarse el producto solo hubiera que poner una nueva recarga», indica l profesora Lourdes del Río. «Con esa premisa, traballamos na liña feita con castaña escaneando froitos, modelando e imprimindo en 3D embalaxes que replicaran as súas formas e cores, e o mesmo fixemos desde unha idea asociada á malta da cervexa, todo feito ademais con materiais orgánicos e biodegradables», explica el profesor Daniel Conde. 

Sistema de biodetección de contaminación de augas a través de mexillón do IES de Valga
Sistema de biodetección de contaminación de augas a través de mexillón do IES de Valga XOAN A. SOLER

Outro produto moi galego, o mexillón, foi elixido polo IES Plurilingüe de Valga non para un proxecto gastronómico, senón para deseñar un sistema de biodeteccion de contaminación de augas empregando este bivalvo. «Queremos demostrar que estes animais poden detectar cambios na calidade da auga antes que os propios sensores, para iso usamos bastidores con varios exemplares, que sumerximos en auga de distintos tipos para comprobar a resposta dos mexillóns, os tempos da mesma, etcétera», conta Gabriel Figueira, alumno do Ciclo Superior de Mecatrónica. Para monitorizar a resposta biolóxica dos organismos de cara a detectar de forma temperá episodios de contaminación empregaron sensores, visión artificial e IA.

Por se aínda hai dúbidas da diversidade das iniciativas que participan nesta feira, van dous exemplos máis. Desde o IES Ortigueira, a través da súa familia profesional de Madeira, elaboraron en colaboración co Concello o que bautizaron como ORTIselfie. Polo de agora, trátase de dúas instalacións, unha para colocar diante do banco de Loiba e outra ante a runa símbolo do Festival de Ortigueira, que ofrecen o encadre perfecto, inclúen un aro de luz por se as condicions lumínicas non son boas, un porto USB para cargar o móbil e están alimentadas por paneis solares con batería. Uns elementos que poderían replicarse noutros puntos de interese turístico.

Mentres tanto, desde o ciclo superior de Eficiencia Enerxética do CIFP As Mercedes puxeron o seu esforzo ao servizo dunha iniciativa solidaria, as unidades móbiles para operar por todo o mundo do cirurxán Diego González Rivas. O que achegan é a fonte de enerxía para asegurar que ese quirófano sempre teña alimentación eléctrica. «Fixemos unha planta de enerxía híbrida, que leva dous inversores para asegurar que aínda que rompa un, o quirófano nunca quede sen luz en medio dunha operación. Leva placas solares e baterías e pódese controlar desde un móbil», contan as alumnas Nina Vinnkik e Iria Basanta. O propio médico expuxo a iniciativa durante unha xornada técnica que se celebrou de xeito paralelo nesta primeira xornada do Innova FP e na que participaron uns 700 docentes e máis de corenta empresas.

Estes son só algúns dos proxectos que poden coñecer os máis de 10.000 estudantes que está previsto que pasen pola feira ao longo destes tres días. O evento tamén está aberto ao público en xeral, de xeito gratuíto, de 10 a 14 horas e de 16 a 19 horas, este xoves, e só de mañá o venres.