Ana Miranda reitera ao comisario europeo de Cohesión o rol das Administracións rexionais no novo orzamento comunitario

José G. Santalla
José G. Santalla BRUXELAS / E. LA VOZ

GALICIA

<span lang= gl >A eurodiputada do BNG Ana Miranda, nunha imaxe de arquivo</span>
A eurodiputada do BNG Ana Miranda, nunha imaxe de arquivo Jan VAN DE VEL

A eurodeputada do BNG reuniuse con Raffaele Fitto xunto a outros representantes da Alianza Libre Europea (ALE)

21 abr 2026 . Actualizado a las 20:12 h.

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, reuniuse este martes co comisario de Cohesión e Reformas, Raffaele Fitto, xunto con outros representantes do grupo parlamentario da Alianza Libre Europea (ALE), ao que pertence o BNG. No encontro pediron reverter os plans de centralización de fondos no vindeiro Marco Financeiro Plurianual.

«Queremos mellorar a proposta da Comisión para trasladar a nosa posición de non á renacionalización e o control, implementación e xestión das nosas nacións», declarou Miranda tras o encontro, o segundo co vicepresidente da Comisión en menos de dous meses trala reunión que mantivo xunto á voceira nacional do BNG, Ana Pontón, en marzo. Respecto ao primeiro encontro, a eurodeputada puxo o avance do proceso lexislativo como a maior diferenza. 

Os representantes da ALE entregaron a Fitto unha carta asinada por máis de 500 representantes electos de máis de 25 zonas da UE, entre elas Galicia. A misiva pide retirar a proposta de reparto de fondos europeos a través de plans nacionais, «que debilitaría a autonomía rexional e local», respectar a política de cohesión e garantir o control da asignación de fondos polo Parlamento Europeo. «O futuro do proxecto europeo depende dun desenvolvemento territorial equilibrado, da participación democrática e da confianza entre todos os niveis de gobernanza», din na carta.

En caso de saír adiante o reparto de cartos a nivel nacional, Miranda explica que dende o BNG empregarían o acordo de investidura co PSOE para respectar as competencias lexislativas e colexislativas. «Ademais, esperamos gobernar no 2028 e que sexa o BNG o que xestione eses fondos europeos», subliñan.