O Parlamento Europeo dá prioridade a rematar o Corredoiro Atlántico a petición do BNG
GALICIA
A eurodeputada Ana Miranda presentou varias emendas relacionadas con transporte, infraestruturas e coas eurocidades que se aprobaron por unanimidade
14 abr 2026 . Actualizado a las 22:31 h.A comisión de Política Rexional (REGI) do Parlamento Europeo deu este mércores o seu visto bo ás condicións do Mecanismo Conectar Europa (CEF polas súas siglas en inglés) para o vindeiro Marco Financeiro Plurianual, o orzamento da Unión para o ciclo 2028-2034. Este programa, clave en infraestruturas de transporte, enerxéticas e dixitais, é relevante para investimentos en Galicia en eidos como as enerxías renovables ou a finalización do Corredoiro Atlántico.
Ana Miranda, eurodeputada do BNG, presentou ata 40 emendas que profundan en aspectos como a promoción das áreas transfronteirizas como a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, a renovación e uso de infraestruturas abandonadas, a sustentabilidade ou a participación de entes autonómicos, locais e civís nos proxectos. A meirande parte delas foron aprobadas por unanimidade. «Pedimos aceleración para rematar o Corredoiro Atlántico, infraestruturas que conecten coas redes secundarias e abandonadas, conexión transfronteiriza e inclusión das comunidades enerxéticas», explicou Miranda.
A representante do BNG celebra unha revisión da proposta que permitiría acelerar as conexións de Galicia con Europa e o norte de Portugal e mellorar a conectividade dentro do territorio galego, como sería o caso do transporte entre Vigo e Ourense. No eido enerxético, o texto fortalece o rol das comunidades enerxéticas como a do Rosal e buscan fortalecer as redes transeuropeas, propostas útiles en situacións como apagóns ou déficit enerxético.
Tamén contribuiría a proxectos ambiciosos como a alta velocidade entre a cidade olívica e Porto. «Estamos vendo que segue en deficiencia esa liña e non ten o apoio económico suficiente. O mecanismo europeo podería favorecer a finalización da conexión», explica Miranda. Ademais, a proposta destaca as eurocidades como figuras legais, polo que por primeira vez poderán optar a subvencións de infraestruturas a nivel europeo.
«Galicia ten unha conexión deficiente co Corredoiro Atlántico porque tardamos moito en entrar. Como estamos por debaixo da media europea, precisamos moitos máis investimentos para rematar as conexións», explicou Miranda. Sobre o rol da Xunta nestas obras, a eurodeputada criticou a pasividade do gabinete de Alfonso Rueda en materia ferroviaria, como a ausencia dun plan de cercanías acordado entre o BNG e o Goberno central pero que, explican os nacionalistas, non ten orzamento dende a Administración galega.
O novo Mecanismo Conectar Europa enmárcase nun novo orzamento comunitario que recorta o poder de decisión das administracións rexionais e os fondos destes territorios. «Estamos a dar unha chamada de atención: hai que rematar os corredoiros; teñen que ter infraestruturas que dean servizo á poboación; hai que conectar portos, aeroportos, estradas do mar e portos secos como a PLISAN», expresou a eurodeputada nacionalista.
No relativo aos portos secos, Miranda valorou o seu potencial na mobilidade, podendo dar servizos de cercanías a unha grande poboación e contribuíndo nos obxectivos climáticos e de descarbonización ao reducir o tráfico. «Agora hai un uso esaxerado do coche porque non hai alternativa, iso combatiría a descarbonizacion e prestaría servizos de calidade aos galegos que viven aí: traballadores, estudantes e xente da zona. Galicia non pode seguir á cola», afirmou.