
José López Campos, conselleiro de Cultura, visitou este venres pola mañá unha destas acción formativas impulsadas pola Xunta
09 may 2025 . Actualizado a las 14:00 h.O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou este venres pola mañá ao alumnado de primaria de varios centros de educación do Bierzo que participan na nova edición do Programa de promoción do galego, desenvolvido polo Goberno de Castela e León xunto á Xunta de Galicia nos territorios leoneses limítrofes coa Comunidade. O fixo acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e da directora xeral de Xuventude, Lara Meneses. «Estes rapaces viven en galego unha experiencia totalmente inmersiva, do mesmo xeito que os neofalantes chegados de outros territorios a Galicia», destacou López Campos.
Uns 70 menores, que cursan lingua galega en colexios do Bierzo como parte do convenio vixente desde 2006 entre o Executivo galego e o castelán leonés, realizan unha actividade no albergue xuvenil das Sinas, en Vilanova de Arousa. A través desta proposta extraescolar, complementaria ás horas lectivas, o alumnado convive durante dous días nesta contorna natural galega, onde realizan distintas dinámicas de ocio, formación e dinamización cultural, coa lingua galega como vehículo de expresión, aprendizaxe e relación. «Se mestura o compromiso lingüístico coa aposta por unha mocidade activa, conectada e con sentimento de pertenza. Aquí vemos como o galego medra e se expande máis aló das súas fronteiras», asegurou o conselleiro.
A programación da saída inclúe prácticas deportivas como caiac, tiro con arco ou paddle surf, pero tamén actividades de grupo, xogos tradicionais, visitas culturais e unha velada específica arredor da lingua galega. Ademais de fomentar o uso do idioma, o outro gran obxectivo da iniciativa é construír vínculos entre o alumnado galegofalante e neofalante, fortalecendo a convivencia e o respecto á diversidade cultural dentro do espazo común da lingua.
Uso do galego en todos os ámbitos da sociedade
López Campos puxo en valor o traballo realizado pola Xunta sobre o Pacto pola lingua, «co obxectivo de impulsar e prestixiar o uso do galego en todos os ámbitos da sociedade e entre todos os grupos de idade, especialmente a xuventude». Destacou, neste sentido, a importancia de impulsar a lingua no exterior da comunidade: «É unha das liñas estratéxicas que se están a abordar nas mesas de traballo creadas para a renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega».
O titular da carteira de Cultura engadiu que, no marco desta iniciativa, A Xunta tamén está a desenvolver distintas medidas inmediatas para fomentar o aprendizaxe do galego en ámbitos específicos, como o da sanidade, a xustiza, a mocidade ou mesmo para persoas provenientes do exterior e asentadas en Galicia.