Xenoma Galicia

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

GALICIA

Sandra Alonso

14 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Nalgúns círculos científicos teño escoitado dicir que, de media, os medicamentos actuais teñen unha mellor taxa de éxito para a poboación branca británica. Por que? Porque moitas empresas farmacéuticas basean parte do seu traballo de investigación no coñecemento adquirido do UK Biobank, unha xigantesca base de datos creada no Reino Unido no 2006 con mostras de 500.000 británicos, para buscar entre outras cousas as ligazóns xenéticas dalgúns problemas de saúde dese grupo, que supón o 0,7 % da poboación do país. Se esa iniciativa foi espectacular, esgótanse os adxectivos para o proxecto Xenoma Galicia, unha idea (un biobanco análogo ao británico) que nace do ecosistema investigador posto en marcha por Ángel Carracedo: vai recompilar o ADN de 400.000 galegos, o 15 % da poboación, unha cota que non ten paralelo no mundo e que suporá un salto de calidade na medicina personalizada de Galicia. Na primeira fase, detectarase que persoas teñen alto risco potencial de tres enfermidades, pero iso será só un aperitivo. Se Xenoma Galicia se consegue levar a cabo (o reto suporá un esforzo xigantesco), para min será un dos maiores fitos da historia da nosa ciencia en xeral e da medicina galega en particular, polas enormes posibilidades que se nos abren na diagnose precoz e solución de enfermidades. Alén das consideracións científicas xerais, este biobanco será un tesouro que atraerá aquí a actividade de investigación das principais empresas farmacéuticas do mundo, que pasará a estar marcada (e nunca mellor dito) por ADN galego.