Inmigración: oportunidades e retos

Carmen Sampayo DECANA DO COLEXIO DE ECONOMISTAS DE OURENSE

GALICIA

CESAR QUIAN

18 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun contexto de baixa taxa de natalidade e de envellecemento da poboación, a inmigración xoga un papel fundamental na demografía de todos os países e, afortunadamente, Galicia non é unha excepción. Así o demostran os últimos datos do INE que indican que o aumento da poboación residente na nosa comunidade débese a unha maior presenza da comunidade estranxeira.

Que a inmigración ten un impacto agregado positivo sobre as economías receptoras, tanto en termos de crecemento como en emprego, é un feito contrastado, principalmente pola súa contribución ao dinamismo de sectores intensivos en man de obra como a construción, a hostalería, o turismo, o comercio, a agricultura ou o servizo doméstico.

As migracións prodúcense nun marco dunha complexa realidade xeopolítica. E aínda que os fluxos migratorios presentan características diferenciadas en función tanto do país emisor como do país receptor, o desequilibrio económico e sociodemográfico subxace no fenómeno migratorio. A procura de mellores oportunidades de vida constitúe a motivación para países con ingresos medios e mesmo para transvases de poboación dentro dunha mesma rexión, pero as migracións forzosas, como por exemplo os desprazamentos por mor dos conflitos armados ou polas consecuencias do cambio climático, constitúen un reto de cara o futuro que hai que afrontar de xeito cohesionado.

A recepción da inmigración leva a unha sociedade máis diversa, con repercusións e oportunidades en todas as dimensións da realidade social e cultural, pero a heteroxeneidade do fenómeno migratorio ten que implicar políticas sensibles en aspectos relacionados cos dereitos humanos , coa igualdade de oportunidades e coa interculturalidade e a diversidade, sen esquecer unha adecuación da oferta e demanda no mercado laboral. O acceso ao emprego, as condicións de vida dos inmigrantes e a súa relación co estado de benestar, así como a participación social e a convivencia entre comunidades, non son cuestións fáciles de abordar para calquera administración.

En materia de emprego, as políticas deberían contribuír a evitar a concentración das persoas de orixe emigrante en ocupacións sen cualificación, para non perpetuar situacións de exclusión social que afecten as segundas xeracións de emigrantes. A elevada dependencia das rendas salariais supón maior risco de vulnerabilidade, e unha mellora nas súas condicións laborais tradúcese nun impacto positivo no seu entorno. Non podemos esquecer que máis dun 23 % dos galegos está en risco de pobreza ou exclusión social, polo que se precisan medidas que traballen no descenso desta porcentaxe.

Carmen Sampayo é decana-presidenta do Colexio de Economistas de Ourense