A Xunta ponse á disposición dos galegos no exterior que queiran volver

Redacción LA VOZ

GALICIA

Destinará 450 millóns de euros á Estratexia Galicia Retorna ata o 2026

18 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai algo máis de cincocentos mil galegos residindo no exterior para os que a Xunta ten dispoñible un plan pioneiro, a Estratexia Galicia Retorna, co que busca que uns trinta mil fagan a viaxe de volta á súa terra nos próximos anos. Para acadar ese reto, o investimento que se prevé ata o 2026 é de 450 millóns de euros. Así o explicou o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, nun encontro que se celebrou na redacción central de La Voz de Galicia moderado pola xornalista María Meizoso e ao que tamén asistiron a técnica da oficina integral de asesoramento e seguimento ao retorno de Lugo, Eva Soilán, e dous retornados, Iván Fernández e Agustina Patiño.

Un obxectivo ambicioso, pero realizable logo da experiencia dos primeiros anos, segundo subliñou o secretario xeral de Emigración. E como se consegue atraer a eses galegos, ou fillos e netos de galegos, para que volvan? «Só temos que convidalos, dicirlles que Galicia ten as condicións sociais e económicas para acollelos que quizais antes non tiña. E que nese proceso de regreso non van estar sós», afirma Rodríguez Miranda. As principais características da estratexia retorna poden resumirse en integralidade e transversalidade. É integral porque o traballo da Administración galega é coas familias enteiras que veñen, non só cos individuos. «Hai resposta e acompañamento para todas as persoas de todas as idades», di. E ese traballo faise nun lugar de referencia durante este proceso, as oficinas integrais de asesoramento e seguimento ao retorno. E é transversal porque a resposta da Xunta vai ser dende todos os departamentos: emprego, industria, sanidade, política social... «Cada área pode aportar algo para axudar nesta integración en Galicia. E non é distinto do que se lle dá a un galego que está aquí», afirma o secretario xeral.

Necesidade e oportunidade

A experiencia de Eva Soilán permítelle afirmar que esa viaxe de volta a Galicia responde a unha confluencia entre a necesidade e a oportunidade. A maior parte dos usuarios, explica, teñen unha necesidade dramática e obxectiva, e para eles é imposible ver un futuro no país no que residen. «Aquí conflúe a oportunidade. Hai moitos factores para que Galicia sexa o lugar para facer a súa emigración: o bo momento socioeconómico e o vínculo que teñen coa súa terra. Galicia non lles é allea», subliña.

Ademais de ser unha oportunidade para eles, tamén o é para Galicia. «É un dereito que poidan volver á súa terra. A nosa Constitución di que os poderes públicos non deben traballar só con emigrantes, senón desenvolver políticas para promover a emigración», afirma Rodríguez Miranda. A vantaxe para Galicia é que a chegada de galegos do exterior axuda a afrontar o reto demográfico. «Están chegando de entre 40 e 50 países, e fano cunha cualificación importante, que podemos incorporar ás nosas empresas», agrega.

Agustina Patiño, beneficiaria da Estratexia Galicia Retorna; Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral de Emigración; Eva Soilán, técnica da oficina de asesoramento e seguimento ao retorno en Lugo, e Iván Fernández, retornado grazas ao plan pioneiro, no plató de La Voz
Agustina Patiño, beneficiaria da Estratexia Galicia Retorna; Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral de Emigración; Eva Soilán, técnica da oficina de asesoramento e seguimento ao retorno en Lugo, e Iván Fernández, retornado grazas ao plan pioneiro, no plató de La Voz Vítor Mejuto

Entre os máis de cincocentos mil galegos que residen fóra está Iván Fernández. Na historia da súa familia xa había costume de emigrar: o seu bisavó, á Habana, nos anos vinte; os seus avós, a Arxentina, nos corenta; os seus tíos, a Suíza, nos oitenta; e el, no ano 2008, a Francia. «Fun por seis meses e ao final estiven 14 anos, pero cando vives fóra a idea do retorno sempre está presente. Ver as portas abertas motivounos a dar o paso», afirma. Chegou un momento no que, coa súa parella, tivo que tomar unha decisión: seguir en París, onde a súa vida profesional e persoal estaba consolidada, ou buscar un novo sitio onde vivir. Grazas a Estratexia Galicia Retorna, a volta de Iván Fernández mais a súa parella foi á súa terra. «Comezamos a pensalo no 2019 e a principios do 2021 aterramos na Coruña», recorda. Aquí chegou cun plan: abrir unha clínica de fisioterapia, un proxecto que sacou adiante co seu irmán: Físico Fisioterapia y Salud, na Coruña. O mesmo que a súa muller, que tamén emprendeu na comunidade.

A vida en maletas de 23 quilos

A arxentina Agustina Patiño é outra das beneficiarias deste plan pioneiro da Xunta. Viviu en Galicia dende os 2 ata os 18 anos, onde desenvolveu unha sensibilidade especial que a levou a traballar no mundo da cultura e do patrimonio. E marcou a súa vida. «Las vendimias, andar al monte, la cocina de leña... Galicia era el entorno donde quería crear una familia», subliña. No seu caso, foron as becas BEME para cursar estudos de máster o pulo que precisaba para tomar a decisión de volver á casa, xunto co seu marido e a súa filla. «Ya nos habíamos planteado regresar, pero sin apoyo económico y un primer empujón era complicado», afirma. Houbo altibaixos polo camiño, pero non puideron coa vontade emprendedora e decidida. Ela abriu a consultoría Mil Culturas e o seu marido o taller AutoFan Electromecánica en Vigo. No camiño, dende que chegaron no 2019 a Lugo «coa vida en maletas de 23 quilos» ata hoxe, houbo un embarazo polo medio e moitos comezos. E sempre se sentiron acompañados. A base da Estratexia Retorna Galicia.

Unha axuda inicial de ata 6.000 euros para toda a familia

É imposible resumir todo o que hai tras a Estratexia Galicia Retorna. Hai ata cen programas distintos de actuacións dende os departamentos da Xunta. Unha delas é o da educación: hai 250 bolsas cada ano para estudos de máster e 100 para FP básica ou dual. Nun primeiro momento, conscientes dos atrancos económicos que poidan xurdir, dende a Xunta dáselles ás familias ou persoas con menos recursos un colchón de entre 2.800 e 6.000 euros, dependendo das necesidades.

Para estar nunha das oficinas de atención ao retornado, di Eva Soilán que se precisa sensibilidade: «Cando tes diante de ti a unha persoa coa vida nunha maleta... Eles teñen moito que dicir a Galicia e moito que aportar a Galicia». Unha figura importantísima para os galegos no exterior, que lles dá as ferramentas e a información precisa antes de iniciar o camiño de volta á casa. Pero tamén unha vez chegan. Por iso o conselleiro anunciou unha oficina móbil, que recorrerá a xeografía galega para estar preto deles.