Falece aos 83 anos a pintora Aurichu Pereira, muller de Xosé Manuel Beiras

La voz REDACCIÓN

GALICIA

Aurichu Pereira, durante unha das súas últimas exposicións.
Aurichu Pereira, durante unha das súas últimas exposicións. MARCOS MÍGUEZ

Filla dun mestre represaliado polo franquismo, foi discípula de Carlos Maside e participou en ducias de exposicións

02 nov 2023 . Actualizado a las 16:08 h.

A pintora Aurora Pereira Carballo, máis coñecida como Aurichu Pereira, finou este mércores en Santiago, onde nacera hai 83 anos. Foi discípula artística de Carlos Maside e Luís Seoane. Dende os anos oitenta era muller de Xosé Manuel Beiras, histórica figura do nacionalismo galego, ao que sempre acompañou desde un discreto segundo plano. Ela mesma foi militante da esquerda antifranquista galega nos anos nos que comezou a destacar como pintora e militou no BNG ata o 2011. Faleceu tras unha longa enfermidade que se agravou nos últimos meses. Levaba xa varios anos afastada da primeira liña creativa.

Nada un 15 de xaneiro de 1940, Aurichu Pereira era filla dun mestre republicán de Vedra represaliado polo franquismo, Xesús Pereira, a quen Beiras lle adica un capítulo no seu libro de retratos. Desenvolveu unha carreira de pintora, influenciada polo artista Carlos Maside, tarefa á que lle adicaba tempo na súa residencia de Brión, en A Reboraina, onde vivía co político e profesor, a súa parella dende que se divorciara do seu primeiro marido, o poeta Salvador García Bodaño, con quen tivo catro fillos.

Aurichu, ao carón de Beiras, durante a celebración dos resultados das autonómicas de 2012.
Aurichu, ao carón de Beiras, durante a celebración dos resultados das autonómicas de 2012. Martina Miser

Sempre ao carón de Beiras, era pouco amiga de prodigarse na esfera pública. Aurichu rexentou unha tenda de roupa e antigüidades na rúa Xelmírez, por onde pasaron durante anos moitos composteláns. Aí estaba sempre ela ao fondo, sentada ao carón dunha mesa iluminada por unha lámpara.

Ela mesma confesara en entrevistas en La Voz que comezou a pintar cando tiña apenas 16 anos. Naquel 1956 comezou a exercitarse no debuxo e na pintura baixo a tutela de Maside. Uns anos máis tarde marchou a Madrid para preparar o ingreso na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, traballando no Casón del Buen Retiro. Ao seu retorno a Galicia, participou nas súas primeiras exposicións colectivas. Foi nese momento cando o pintor Luis Seoane se interesou pola súa obra e propúxolle patrocinarlle unha exposición individual. En 1973 participou na exposición de Xóvenes Artistas Galegos, promovida polo propio Seoane e por Reimundo Patiño. Nese mesmo ano participou en dúas novas exposicións colectivas en Santiago. Posteriormente, por motivos laborais, deixou de participar públicamente nas actividades artísticas, retornando a elas en 1999. Paralelamente tamén deseñou roupa.

Un dos traballos que lle valeron un maior recoñecemento foi Meu Courel imaxinario, que moveu por varios centros culturais de Galicia. Esa mostra naceu, contara ela, tras unha longa visita a esa zona, por unha paisaxe que lle abraiou e que fixo que pasara do estilo figurativo á abstración.