Vanessa Rodríguez: «Na agresión sexual en grupo o que está en xogo é a relación cos outros homes»

Fina Ulloa
fina ulloa OURENSE / LA VOZ

GALICIA

Santi M. Amil

A psicóloga e sexóloga é a vicepresidenta da Sociedade Galega de Sexoloxía, que organiza en Ourense  unha xornada para analizar dende distintos prismas as violencias sexuais no momento actual

30 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense acolle este venres unha xornada enfocada a analizar a violencia sexual no momento actual. A cita, organizada dende a Sociedade Galega de Sexoloxía, contará cun panel de expertos multidisciplinar no que hai avogados, psicólogos, pedagogos, educadores, filósofos, politólogos e incluso representantes da industria do porno. «Para nós é importante abordar o tema en profundidade e dende distintas perspectivas porque coa violencia sexual, ás veces, fanse análises e sentencias demasiado simples, influenciadas polo suceso do momento», comenta Vanessa Rodríguez Pousada, vicepresidenta de Sogasex. A percepción de que a nivel social existe una inquietude crecente polos casos de violencia sexual foi o que animou a esta entidade a organizar esta xornada que ten a inscrición aberta non só a profesionais vencellados con esta problemática, senón tamén á cidadanía en xeral.

—Hai realmente un aumento das agresións sexuais?

—Está habendo un incremento considerable de denuncias. O que non sabemos seguro é se está aumentando a violencia sexual ou simplemente é que se fai máis visible porque se denuncian máis, o que pode ter unha lectura positiva polo que implica de maior concienciación social. En todo caso, ignoramos cantas agresións quedan ocultas e descoñecemos por que non se sabe delas. En todo caso, haxa ou non un aumento da violencia sexual, os datos son suficientemente preocupantes como para atender e mirar que é o que está a pasar. De tódolos xeitos hai tamén ideas asentadas sobre estes episodios que encaixan coa realidade dos datos. Por exemplo, aínda cando pensamos nun violador imaxinamos a un descoñecido que se agocha nun sitio polo que vas pasar e te ataca, sen embargo a maioría de delitos de violencia sexual, o que máis abunda, son por persoas próximas: familia, parella ou coñecidos da vítima.

—Hai algo que lles preocupe máis nesa problemática na actualidade?

—O que chama a atención é esa violencia sexual que vemos nos máis novos, incluso na adolescencia. Pero tamén no mundo adulto. O tema das agresións en grupo, por exemplo, aínda que é importante que non tratemos a tódolos grupos baixo o mesmo prisma. Incluso dentro dos que participan nese acto de violencia sexual, a motivación de cada un vai ser diferente.

—Supoñen este tipo de agresións un cambio fronte ao depredador individual que o que busca é ocultar os feitos?

—Nas agresións en grupo o que está en xogo e o que prima non é tanto a satisfacción persoal no acto sexual, senón a relación cos outros. Hai unha exposición, faise porque o que interesa é amosar ante os outros unha masculinidade, aínda que sexa mal entendida, obviamente. O importante non é a relación coa vítima, senón unha cuestión de integración no grupo, é a relación cos outros homes o que está en xogo. Cabería preguntarse se cada un deles, en solitario, cometería esa agresión aínda que tivera oportunidade. Seguramente dentro dese conxunto hai persoas que tiveron a iniciativa e outros que senten que teñen que facelo para non quedar fóra, á marxe do grupo.

—Na xornada terán a unha produtora de cine porno.

—Unha das cousas das que máis se fala é a vinculación entre este tipo de produto ao que acceden os rapaces cada vez máis novos e as condutas de violencia sexual. Pretendemos analizar, como outros aspectos, este tema con profundidade. Nós pensamos que o porno pode influír, pero non pode ser que a violencia sexual só se deba ao porno. Pensamos que se necesita de estudos e análises rigorosos que atendan tanto a factores individuais das persoas que cometen ese tipo de delitos, como as causas sociais. Non podemos pechar os ollos a que vivimos nunha sociedade que aínda é machista e iso tamén nos inflúe.

—Pero sería de esperar que o machismo fose a menos na sociedade actual.

—Unha desas cousas que adoitan dicir é que os mozos son máis machistas que antes. Eu considero que tampouco é así. O que si é certo é que, tendo en conta os avances sociais e lexislativos e no momento no que estamos, esperariamos que houbese menos machismo do que hai. Non hai unha concordancia entre esas condutas e os avances a nivel de igualdade.

—Falla, entón, esa educación sexual e afectiva que, se supón, están a recibir os rapaces?

—A nivel de mulleres vese moito avance. Hai moitas adolescentes moi activas a nivel de igualdade, pero non entran tanto os rapaces, e iso deberíanos facer pensar e cuestionarnos como estamos abordando este tema. A igualdade é positiva para as mulleres pero tamén o é para os homes. Se só se percibe como algo bo para as mulleres, estamos fallando. Creo que moitas veces se fala de privilexios en lugar de falar de dereitos, e o que subxace nesa mensaxe é que os privilexios van pasar duns a outros, que uns van perdelos para que outros os gañen. E non se trata diso. Trátase de dereitos e de que todos teñamos os mesmos, independentemente de nacer home ou muller.