Manifestación a prol do galego: «A lingua ten que estar presente en todo e para todo»

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Milleiros de persoas volveron saír á rúa de nove vilas e cidades para reivindicar poder vivir no seu propio idioma. En Santiago tivo ademais compoñente electoral, coa presenza de Ana Pontón e Valentín González Formoso e varias referencias ás eleccións municipais

17 may 2023 . Actualizado a las 17:20 h.

Este ano, a xente saíu da Alameda, pero a manifestación a prol da lingua galega que se celebra cada 17 de maio non foi tan numerosa en Santiago como outros anos porque non era a única. Este ano celebráronse simultáneamente nove marchas en tantas outras cidades e vilas galegas para reivindicar poder vivir en galego. Sempre. En todos os ámbitos da vida.

«A lingua ten que estar presente en todo e para todo». Con esa frase resumía Marcos Maceira, presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística e voceiro da Plataforma Queremos Galego, a pertinencia, unha vez máis, desta manifestación. «Levamos 40 anos que temos que reivindicar que se cumpra a lei, que o pouco que introduce a lei a favor do galego sexa respectado», explicaba Maceira. Porque están a piques de cumprirse 40 anos da promulgación da Lei de Normalización Lingüística, «unha lei que por certo consagraba o deber dos poderes públicos de promover o galego e o dereito a usármolo».

 «Corenta anos de Lei de Normalización Lingüística non serviron para garantir a dispoñibilidade e a presenza do galego en todos os espazos da vida pública», arrancaba o manifesto que se leu a modo coral na praza das Praterías, na que milleiros de persoas se congregaron para rematar a marcha, un manifesto que denunciou que a actual situación de «emerxencia lingüística é en grade parte consecuencia do desleixo dos poderes públicos, que abandonaron e desprezaron a crecente conciencoia social sobre a lingua e a vontade de repoñela e normalizala».

A estatísca sociolingüística vén nos últimos anos deixando cifras estarrecedoras. Un de cada catro menores de 15 anos declara que non é quen de expresarse en lingua galega e por primeira vez na historia, o galego deixou de ser a lingua maioritaria da poboación. Malia a todo, explicaba Marcos Maceira, hai unha sociedade que está viva a favor da lingua: «Se o galego existe é grazas ao funcionariado que sen medios é capaz de traballar en galego, é grazas ao profesorado insubmiso ao decreto que prohíbe o galego no ensino, é grazas ás familias que o transmiten a pesar do ensino, do lecer e da ausencia completa do galego na televisón e nos debuxos animados».

A reivindicación este ano tivo marcado carácter electoral e os líderes do BNG, PSdeG e Anova acudiron á convocatoria de Queremos Galego acompañados dos candidatos á alcaldía da capital de Galicia. Tanto Valentín González Formoso como Ana Pontón criticaron a política lingüística que se está facendo por parte da Xunta, e mentres a líder do BNG falaba dun «Terminator para o galego», o voeiro dos socialistas lembraba que o actual presidente, Alfonso Rueda, «se manifestou contra a promoción da lingua e iso non debemos de olvidalo».

«Este 17 de maio é un día para denunciar e reivindicar, porque temos visto como ao longo destes 14 anos tivemos a un goberno do PP que se dedicou a poñerlle paus nas rodas ao galego, a traballar en contra do galego que é tanto como traballar en contra de Galiza», dicía Ana Pontón ao inicio da manifestación en Santiago, rodeada por membros da candidatura compostelá (de feito, Goretti Sanmartín foi unha das encargadas da lectura do manifesto en Praterías). 

Pontón e Formoso tamén coincidiron en que é necesario un cambio da política lingüística en Galicia que pasa, en primeiro lugar, polo cambio electoral este 28M. «Necesitamos que o galego estea en todas partes, que se normalice e que estea en todos os ámbitos. Ese é dende logo o compromiso que temos tende o BNG, que temos para poder construír un pais mellor, que necesita da sua lingua, do seu idioma, da súa identidade, como unha fortaleza que non está contra ninguén, senón que está a favor», dicía Ana Pontón.

Mentres, Formoso reivindicaba «a oportunidade de rectificar esa deriva que mingua a forza da lingua galega, da cultura galega, nas eleccións municipais», e os socialistas tiraban de lexitimidade histórica na defensa do galego lembrando que Ramón Piñeiro foi deputado polo Partido Socialista, que lideraron a Lei de Normalización Lingüística e que «todos os grandes acordos que se teñen feito en torno á lingua veñen da man do Partido Socialista». «O PSdeG é capaz de conciliar a construción económica, a urbanistica a sostibilidade das nosas cidades coa promocion dunha lingua que vehicula toda esa forza», explicaba o secretario xeral dos socialistas galegos. 

Os momentos previos ao inicio da marcha tamén serviron para facer análise da evolución da campaña electoral. José Manuel Lage Tuñas, secretario de organización, apelaba a un «fin de ciclo en Galicia, carente de proxecto, carente de solucións e carente de alternativas» e defendía que o modelo de xestión socialista está testado e acreditado e quea súa é «unha posición integradora, conciliadora, onde a lingua é unha ferramenta para entenderse e para espallar o noso orgullo como galegos, a nosa economía, as nosas potencialidades».

Pola súa banda, a líder do BNG amosouse convencida de que nestas municipais «o BNG vai dar a sorpresa, imos superar todas as enquisas como tamen fixemos nas eleccións galegas» entre outras razóns, porque « hai moita cidadanía cansa do bipartidismo, que quere outra forma de facer política, que quere afianzar a unha forrza poítica propia» e iso leva ao Bloque a ser «unha forza á alza».

Manifestacións noutras oito localidades

Santiago non foi a única localidade que acolleu manifestacións e concentracións convocadas pola plataforma Queremos Galego, aínda que si foi a máis numerosa. Na Coruña, por exemplo, os participantes congregáronse no Obelisco, coa actriz Isabel Risco como mestra de cerimonias, e a presenza doutras figuras destacadas, como o escritor Xulio López Valcárcel.

En Vigo o punto de encontro foi o cruce da Vía Norte, dende onde arrancou unha andaina cara o museo Marco de arte contemporánea.

Concentración de Queremos Galego en A Coruña
Concentración de Queremos Galego en A Coruña Marcos Míguez

En Lugo a concentración tivo lugar na Praza Maior, mentres que en Ourense a convocatoria foi na Praza do Correxidor. En Foz o epicentro foi a Casa do Concello, mentres que en Monforte optouse pola Praza de España; en Ferrol, pla Praza do Inferniño; e en Pontevedra escolleuse a Praza de Curros Enríquez. En todos estes lugares reuníronse ducias de persoas para reivindicar o valor e a vixencia do galego, e a situación de «emerxencia» que vive a lingua propia do país, cuio uso retrocede en número de falantaes e perde espazos, ante a «pasividade» dos poderes públicos.