Carlos Villar: «Redes coma Twitter ou TikTok son novas vías de captación de mulleres para as mafias»

Mónica Pérez Vilar
MÓNICA P. VILAR REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

CESAR QUIAN

O portavoz da Rede Galega contra a Trata di que tamén contribúen a que o cliente da explotación sexual sexa cada vez máis novo

02 may 2023 . Actualizado a las 16:39 h.

A semana pasada, a Policía Nacional informou da liberación de tres mulleres e da detención de seis persoas na Coruña nunha operación contra a trata de persoas para a explotación sexual. A mediados de abril, outra rede criminal do mesmo tipo foi desmantelada en Ourense. Falamos co portavoz da Rede Galega contra a Trata, Carlos Villar, sobre este fenómeno delituoso e sobre se vai en aumento ou se toma novas formas.

—Hai máis casos de trata e explotación ou esas operacións responden a unha maior presión policial?

—Dende hai uns anos hai bastante máis actividade a nivel policial, a nivel de investigación: parara bastante coa pandemia, pero volveuse reactivar. Os protocolos estatais de coordinación, e tamén o plan galego contra a trata que se aprobou hai pouco en Galicia, supoñen que hai máis ferramentas, aínda que a persecución destes delitos siga sendo complicada e as investigacións leven moito tempo.

—Hai un cambio na maneira en que se explota ás mulleres?

—Galicia caracterizábase moito por unha prostitución de club, pero coa pandemia pecharon e a actividade traspasouse moito a pisos e outros locais onde é máis difícil acceder. E xa o propio confinamento invisibilizara moito a estas mulleres. Tamén volvemos a situacións de explotación que xa estaban algo superadas pola persecución que sufriran, como pode ser o alugamento de habitacións onde a muller vive e exerce, con dispoñibilidade permanente, e nas que se mesturan tamén o consumo e o tráfico de drogas.

—E tamén inciden as novas tecnoloxías...

—Antes usábanse as páxinas de contactos, agora hai moitas páxinas web, plataformas... Mesmo apareceu unha figura de intermediación nova, que nós chamamos as telefonistas, que se encargan de facer o contacto co cliente e despois de mandar á muller a onde ten que prestar o servizo. Iso crea aínda máis invisibilidade. Complicouse moito acceder a esas mulleres e investigar o propio delito con estas maneiras de contactar por internet, máis anónimas. Ademais, as redes sociais coma Twitter ou TikTok tamén son novas vías de captación para as mafias. Plataformas como OnlyFans serven ás mafias das mulleres para captalas e explotalas, e aí témolo moi complicado para intervir, porque son círculos moi pechados.

—Cal é o perfil das vítimas?

—O que as caracteriza é a situación de vulnerabilidade da muller. Case sempre existe algunha situación de vulnerabilidade que leva á súa captación nos seus propios países, ou incluso cando xa están aquí. En Galicia, aínda que tamén seguen sendo tratadas mulleres africanas, sobre todo nixerianas, a maioría continúan a ser latinoamericanas. Están a captar moito entre a emigración venezolana, tamén subiu moito Colombia, hai moita trata de Brasil... Sobre todo de países que non precisan visado para entrar a España, aínda que se o precisan usan outras vías, como entrar dende Turquía e Grecia. O factor común é que case todas son estranxeiras, en situación de irregularidade ou regular, as maioría das veces con documentos falsificados proporcionados polas propias mafias.

—Aumentou o número de vítimas menores de idade?

—Si, hai máis menores que en anos anteriores, e preocúpanos moito, porque non hai maior vulnerabilidade que a dunha menor de idade, ás veces tratada pola súa propia familia. Con todo, o perfil maioritario segue a ser o dunha muller de entre 25 e 50 anos, case sempre con cargas familiares. E como hai bastante cronificación, tamén hai mulleres de máis de 50 que seguen a ser explotadas.

—Di a policía que as mulleres liberadas na Coruña recentemente estaban en condicións «próximas á escravitude».

—Claro, é o método de captación e control, anular á muller xa dende a propia viaxe. Cáptanas moi a miúdo con falsas ofertas de traballo, e xeran unha débeda, por exemplo polo pago do billete para viaxar dende o país, que cada vez se vai facendo máis grande porque vai sumando cousas. Sométenas a coaccións e ameazas, tanto sobre elas coma sobre as súas familias. E si, as condicións nas que están, obviamente, son de escravitude: 24 horas dispoñibles, sete días á semana, metidas nun piso, sen protección... Canto máis precaria sexa a situación e máis control exista, máis vulnerabilidade, máis invisibilidade, e menos capacidade da muller de escapar desa situación. As secuelas psicolóxicas que sofren as vítimas son moi graves.

—Ponse pouco o foco sobre o cliente da prostitución?

—Sen demanda non hai oferta, por iso é moi importante poñer o foco no cliente. E cada vez faise máis. Pode facerse a nivel normativo, lexislativo, pero sobre todo cremos que se ten que facer moito a nivel sensibilización, xa desde os propios centros educativos.

—Ese cliente é cada vez máis novo?

—Si que se nota entre a xuventude un maior consumo. Vía móbil teñen acceso a moitos contidos, porque aínda que os pais queiran limitalo, sempre atopan outra maneira de acceder. Aí temos de novo o propio Twitter, TikTok... redes sociais que se consideran normais. Eses rapaces teñen acceso a un material pornográfico con auténticos catálogos de mulleres para elixir e con condutas de enorme violencia contra a muller na súa maioría. E como temos un problema de educación afectivo-sexual, un déficit, eles replican o que ven. Iso pode acabar en consumo de prostitución e de mulleres tratadas e explotadas. A idade de acceso é máis temperá, si.

«Fan falta medidas para atacar a demanda, desde a educación ata certa regulación»

Para facerlle fronte á trata, Carlos Villar considera esencial que se lles facilite ás vítimas o acceso ás axudas e tamén cre que debería cambiar a lei de estranxeiría, porque a maioría das afectadas teñen poucas vías para regularizar a súa situación.

—Que medidas serían prioritarias para acabar con estes delitos?

—Algunha das nosas prioridades en Galicia xa foi atendida vía Secretaría Xeral de Igualdade. Nós sempre reivindicabamos que a trata e explotación sexual se equiparara na lei de violencia de xénero, e iso en Galicia xa pasou. Reclamamos que se unifique a nivel estatal. Tamén pedimos que se facilite o acceso ás axudas para as vítimas. Dificilmente unha persoa que está sendo explotada ou tratada, con cargas no seu país de orixe, vai poder facer unha transición directa dende esa situación de explotación a unha inserción no mercado laboral español. E isto leva a unha terceira petición: que se teñan en conta as dificultades que teñen as mulleres en situación irregular. Sempre é unha preocupación principal das vítimas a súa situación administrativa en España, e hai poucas vías para regularizar a súa situación. Deberían cambiar a lei de estranxeiría e outras cousas a nivel lexislativo para que poidamos ter unha solución para elas. E, dende logo, fan falta medidas para atacar a demanda, que pasan pola educación e por certa regulación normativa.

—Que papel xogan as entidades de loita contra a trata?

—Tentamos detectar as súas necesidades facendo visitas aos clubs e aos pisos, ás veces coa escusa de repartir preservativos, por exemplo. E nos programas de todas as entidades existe unha fase de intentar identificar vítimas, seguindo indicios que nos poden dar pistas sobre se esa muller pode estar sendo vítima de trata ou de explotación sexual. Logo eses programas caracterízanse sempre por ser integrais: atenden necesidades sanitarias, de asesoramento xurídico, de apoio psicolóxico, tamén no eido laboral, no que toca á busca de emprego ou á preparación para o mercado de traballo... E tamén as asistimos na declaración, tanto a nivel policial como xudicial, cando hai algunha muller que quere denunciar. Para nós o primeiro son as mulleres, atendelas e atender as súas necesidades. E logo, se se pode, sacalas desa situación, respectando sempre a súa opinión e as súas decisións.